Skip to main content

Sanidade establece medidas restrictivas en Ourense, Santiago, Santa Comba, Carballo e A Laracha

O titular da carteira sanitaria da Xunta de Galicia explicou que estas medidas serán publicadas esta tarde no DOG e entrarán en vigor desde as 00:00 horas desta medianoite. Ademais, apuntou, a posible ampliación ou redución deste conxunto de medidas será revisado dentro dunha semana.

Os concellos de Ourense, Santiago de Compostela, Santa Comba, Carballo e A Laracha haberá limitacións nas xuntanzas até un máximo de 10 persoas; redución dos aforos ao 50% en comercios, locais de hostalería, restauración, así como en bibliotecas, academias, autoescolas e centros privados de ensino non regrado entre outros.

Engadido a isto, tamén se pechan os centros de día e as residencias. Sobre este particular, Almuiña explicou que nas vindeiras datas, manterá unha reunión coa Consellería de Política Social, co ánimo de elaborar un protocolo máis estrito sobre o seu funcionamento e réxime de visitas.

Ademais, outra das novas medidas establecidas será o uso obrigatorio da máscara en ximnasios, unha medida, que o comité clínico valora facer extensible ao resto da comunidade.

Cómpre destacar que, no caso de celebracións como vodas, bautizos e comuñóns, non poderán superar o 50 % do aforo do salón de banquetes nin o número máximo de 50 persoas para lugares pechados e de 100 persoas no caso de celebrarse en espazos ao aire libre, se ben este apartado da norma non entrará en vigor até o vindeiro luns, polo que non afectará aos eventos previstos para estar fin de semana.

A intención de Sanidade é poder actuar de xeito más selectivo e con maior rapidez ante a aparición de casos nunha zona concreta. É por isto que, fronte ás medidas adoptadas para toda a comunidade autónoma dende o principio da pandemia, procura agora acoutar ao máximo a expansión do virus, restrinxindo e regulando determinadas actividades xa non por áreas sanitarias, senón por concellos, cidades ou mesmo barrios.

Os concellos de Lugo e Coruña manteñen as restricións vixentes

Durante a súa intervención, Almuiña tamén fixo referencia á situación epidemiolóxica no Concello de Lugo, apuntando que a vista da súa evolución, o comité clínico aconsella manter polo de agora as medidas que están en vigor desde o pasado venres.

Do mesmo xeito, os concellos da Coruña, Cambre, Culleredo, Oleiros e Arteixo, tamén verán prorrogada a vixencia das limitacións establecidas por Sanidade.

Abegondo, Bergondo, Carral e Sada ven levantadas as súas restricións

Finalmente, e ante a evolución estable dos datos, o comité de expertos sanitarios acordou levantar as limitacións nos concellos de Abegondo, Bergondo, Carral e Sada, que desde esta mesma medianoite voltan adoptar as mesmas medidas co resto dos concellos da área sanitaria da Coruña.
R.