Skip to main content

Os centros de secundaria adiarán o inicio do curso aos días 23, 24 e 25

Segundo explicou, outras Comunidades Autónomas están tomando decisións similares. Este adiamento facilita a adaptación e organización dos centros para reforzar as medidas sanitarias tras os cambios acordado entre as comunidades e o Goberno central o pasado 27 de agosto, unha xuntanza que os Ministerios deberían ter convocado moito tempo antes. Neste sentido cómpre lembrar que as recomendacións acordadas coas Comunidades Autónomas alteraron a planificación inicial ao cambiar a distancia de seguridade entre os alumnos nas aulas a 1,5 metros. Isto cambiou radicalmente as previsións dos centros de Secundaria e está xerando un sobresforzo nos equipos directivos e no profesorado, que a Consellería recoñece e valora, e que convén aliviar para favorecer unha volta segura ás aulas nas mellores condicións blindando a seguridade e a calidade.

A medida tamén favorecerá a implementación das medidas plantexadas o pasado martes no Consello Escolar de Galicia, como a instalación de mamparas nas aulas e talleres ou a opción de solicitar un sistema semipresencial no ensino non obrigatorio. Ademais, a semana a maiores coa que se conta para preparar o inicio do curso aproveitarase para incrementar as accións formativas dirixidas a profesorado e alumnado en materia hixiénico sanitaria, unha medida que servirá para mellorar o estándar de seguridade da comunidade educativa.

Contratación de profesorado

En calquera caso, Román Rodríguez recalcou que xa se está a traballar na determinación da cifra de profesores que será preciso contratar este curso a maiores para estas etapas, co fin de dar resposta aos desdobres que sexa necesario realizar. Este reforzo concretarase nos próximos días, unha vez se pechen definitivamente as necesidade de cada centro. Ao respecto, reiterou que se contratará o persoal que sexa necesario, igual que se fixo en Infantil e Primaria con 240 novas incorporacións.

O conselleiro reiterou tamén a súa disposicións a escoitar atentamente as demandas e suxestións de todos e cada un dos membros da comunidade educativa, como leva facendo ao longo desta semana. En base a elas, poderase continuar tomando decisións xustificadas en criterios sanitarios, organizativos e pedagóxicos, consensuados, co fin de afrontar o resto do curso con maiores garantías.

Novo calendario

Co novo calendario mantense a distribución por cursos no inicio escalonado. Así, os alumnos de 1º e 2º da ESO, os de 1º de Bacharelato e os de 1º de FP Medio e Superior, que inicialmente comezarían as clases o vindeiro mércores 16, farano o mércores 23; mentres que os de 3º da ESO, de 2º de Bacharelato e de 2º de FP Medio e Superior, que volvían ás aulas o xoves 17, regresarán finalmente o xoves 24. Os estudantes de 4º da ESO e FP Básica, que comezarían as clases o venres 18, farano o venres 25.

Obxectivo común

Román Rodríguez agradeceu a colaboración, o esforzo e a responsabilidade, de todos os membros da comunidade educativa nestes últimos meses, grazas ao que foi posible comezar onte con normalidade o curso en Infantil e Primaria e Educación Especial, “unha gran normalidade dentro da enorme excepcionalidade do actual momento”, como indicou o conselleiro. Un éxito que quixo agradecer ás familias, profesorado e equipos directivos de Infantil, Primaria e Educación Especial.

Neste sentido lembrou que, neste reto de país que é preservar as garantías sanitarias e de calidade educativa no curso 2020/2021, aínda queda o regreso ás aulas do alumnado de Secundaria. Para sacalo adiante con éxito, comprometeuse a seguir escoitando os axentes educativos e incorporando as súas achegas ás medidas que desenvolva a Consellería.
R.