Skip to main content

Galicia anuncia a primeira emisión de bonos sostibles por un importe de 500 millóns de euros

Deste xeito, Galicia convértese na segunda comunidade autónoma de réxime común e financiamento de réxime xeral que emite bonos verdes, despois de Madrid -tamén o fixeron o País Vasco e Navarra-.

Ao longo da súa intervención, Feijóo salientou que “o obxectivo é pechar esta operación nos próximos días”. “Non é un incremento da débeda pública. Son 500 millóns de euros que substitúen a outros 500 millóns de euros que vencían nestas mesmas datas. Polo tanto, substituímos débeda pública tradicional que vence, por bonos verdes cunhas condicións de compromiso medioambiental específicas e cunhas características de financiamento e de tipo de interese moi atractivas”, sinalou.

O presidente da Xunta recordou que, segundo os datos oficiais do Banco de España, Galicia é a comunidade que menos incrementou a súa débeda pública na última década.
O aumento da débeda pública en Galicia entre 2008 e 2019 é o menor de toda España, xa que o incremento rexistrado en Galicia representa 110 puntos inferior á media do conxunto de España. Grazas a este mellor comportamento respecto ao resto das comunidades, Galicia evitou na última década a emisión de 3.874 millóns de euros de débeda.

“E somos tamén a terceira comunidade autónoma de réxime común coa menor ratio de débeda/PIB de toda España”, engadiu, explicando que este indicador sitúase ao peche do primeiro trimestre de 2020 no 18,1%, seis puntos menos que a media autonómica (24,1%). Só dúas comunidades de réxime común –Canarias e Madrid– teñen unha ratio de débeda máis baixa que a galega.
R.