Skip to main content

Máis de 150.000 estudantes de ESO, bacharelato e de ensinanzas de réxime especial comezarán o curso a partir do vindeiro mércores

A Xunta de Galicia vén de publicar no Diario Oficial de Galicia a Orde pola que se ditan instrucións sobre o comezo do curso académico 2020/2021, a través das que se dota de seguridade xurídica ás últimas decisións tomadas neste eido, principalmente o adiamento do inicio do curso en Secundaria, a opción da semipresencialidade e o uso de manparas en espazos concretos. Cómpre lembrar que todas estas medidas foron acordadas tras a reunión conxunta da Conferencia Sectorial de Educación e do Consejo Interritorial del Sistema Nacional de Salud (o pasado 27 de agosto), da reunión do Consello Escolar de Galicia (o 9 de setembro) e do encontro coa Xunta Autonómica de Directores, os representantes dos centros de Secundaria e os xefes da Inspección educativa nas catro provincias (o pasado 11 de setembro).
Calendario

No que atinxe ás datas concretas do regreso gradual ás aulas, o 23 de setembro volverán os alumnos de 1º e 2º de ESO e os de 1º de Bacharelato, 1º de FP de grao medio e 1º de FP de grao superior e as ensinanzas básicas de educación para persoas adultas polas modalidades presencial e a distancia. O día 24 de setembro farano os de 3º de ESO, de 2º de Bacharelato, 2º de FP de grao medio e 2º de FP de grao superior. Finalmente, o día 25 incorporarase o alumnado de 4º de ESO, e todos os cursos de FP Básica.
No caso das ensinanzas de réxime especial, o alumnado das ensinanzas profesionais de Artes Plásticas e Deseño e das deportivas incorporarase nas mesmas datas establecidas para os estudantes de FP. O alumnado das demais ensinanzas de réxime especial incorporarase a partir do 23 de setembro de acordo cos calendarios de organización e funcionamento dos centros.
Contratación de profesorado

Malia manter practicamente o mesmo número de alumnado, o curso comeza coa incorporación de arredor de 2.000 novos profesores ao sistema de ensino público, o que supón un incremento do 6,2% sobre a plantilla total de profesorado para este curso.

Dos preto de 2.000 novos profesores, 1.107 serán para as etapas de ESO, Bacharelato e Formación Profesional (847 para reforzar as medidas de seguridade contra a covid e 260 que se incorporan para atender o incremento de oferta); 240 son para Infantil e Primaria (que xa están contratados e traballando nos centros) e 543 son novos docentes de apoio a través do programa ARCO de reforzo educativo (221 para Primaria e 322 para Secundaria).
Outras medidas

Cómpre lembrar que, a maiores do reforzo do profesorado, a principal para garantir a seguridade sanitaria e a calidade educativa nos centros, a Xunta de Galicia tomou outras adicionais para facilitar a xestión e organización do inicio do curso nos centros de Secundaria, tales como o devandito adiamento nunha semana do comezo do inicio das clases, a opción de solicitar a semipresencialidade para Bacharelato e FP o incremento das accións formativas dirixidas a profesorado e alumnado en materia hixiénico sanitaria, ou a posibilidade de instalación de mamparas protectoras en aulas e talleres, todas elas recollidas na Orde publicada no DOG, que previamente tiñan sido avaliadas e aprobadas polo comité clínico.

Neste sentido, a orde indica que, de non ser posible manter a distancia de seguridade indicada para estas etapas, (e non puidesen atoparse outras solucións como a retirada de material ou o uso doutras aulas máis amplas), previa autorización da inspección educativa, poderá optarse por opcións como o desdobre do grupo de alumnos (xa realizado nas últimas semanas), a instalación de mamparas ou separacións que garantan a protección individual do alumnado ou os desdobres do grupo de alumnos, ou a semipresencialidade rotatoria (agás na ESO). Tamén se especifica que nos talleres de formación profesional e ensinanzas de réxime especial, cando proceda, se adoptarán medidas de seguridade usando pantallas de protección facial.

No referido á semipresencialidade, a orde indica que a actividade lectiva será presencial con carácter xeral para todos os niveis e etapas do sistema educativo, con prioridade para o alumnado de menor idade e que, excepcionalmente, poderán impartirse semipresencialmente as ensinanzas de bacharelato, formación profesional, así como as ensinanzas de réxime especial.

Ademais, a orde recolle a realización de accións formativas para o profesorado, tanto no relativo ás ferramentas tecnolóxicas para docentes como ás ferramentas institucionais para o ensino mixto.
R.