Skip to main content

O uso terapéutico ou preventivo do cannabis fronte á covid-19 non ten xustificación científica

O traballo, que leva por título Cannabis terapéutico y covid-19: entre el oportunismo y la infoxicación, foi publicado na revista Adicciones, que segundo explica Manuel Isorna “é unha das máis prestixiosas a nivel nacional e internacional no tema de adiccións, concretamente de temas de adiccións en xeral e de consumo de drogas en particular”. O texto está asinado ademais de polo profesor da UVigo por Francisco Pascual Pastor, presidente de Socidrogalcohol; Nelson Carvalho, da Unidade Operacional de Intervenção em Comportamentos Aditivos e Dependências do Instituto de Administração da Saúde e Assuntos Sociais de Madeira, en Portugal; Félix Carvalho, do Laboratório de Toxicología da Universidade do Porto, e Francisco Arias, do Programa de Alcohol y Patología Dual do Hospital 12 de Octubre de Madrid. Todos eles forman parte do Grupo Ibero Ciência, “un grupo de profesionais que estamos un pouco cansos desta presión que fai a industria do cannabis, na que realmente por detrás está a industria do tabaco, para que se legalice o seu consumo e sobre todo para que se banalice empregando como cabalo de Troia o cannabis terapéutico”.

Dano nos pulmóns

“Desde hai décadas, pero con especial énfase nos últimos tempos, as proliferacións de noticias falsas sobre as propiedades presuntamente curativas do cannabis víronse incrementadas”, comentan os autores no artigo publicado en Adicciones. Coa chegada da pandemia, engaden, esa mensaxe trasladouse á covid e “escoitamos en innumerables ocasións, de forma reiterativa e por diversos medios, que o cannabis pode aliviar certa sintomatoloxía negativa debido aos seus potenciais beneficios terapéuticos (relaxa, incrementa o apetito, calma a ansiedade, alivia a dor e evádeche da realidade) e mesmo pode combater a covid-19 ou polo menos minimizar a súa sintomatoloxía”.

Neste contexto, os investigadores do Grupo Ibero Ciência sinalan como “vistas e analizadas certas noticias ou ‘fake news’ que apareceron principalmente en Internet e as redes sociais relacionadas co cannabis e a covid, vémonos na obrigación moral e científica de combater estas mentiras e contribuír a que a cidadanía dispoña de información veraz, fiable e apoiada pola evidencia científica”. Con este obxectivo, explica Manuel Isorna, “fixemos unha revisión bibliográfica dos todos os estudos publicados na materia, e que poderían estar a favor ou en contra, e toda a evidencia científica que atopamos é totalmente contraria: non é recomendable fumar ningún tipo de substancia e moitísimo menos cannabis”. Así, nas conclusións do artigo indícase que “tendo en conta a información dispoñible, é pertinente advertir que as persoas que fuman cannabis e os usuarios que vaporean os seus derivados, terán riscos maiores na pandemia por covid-19, riscos que se suman aos numerosos xa coñecidos do consumo do cannabis”.

O investigador do Grupo PS1 da Universidade de Vigo detalla como, ademais dos trastornos psiquiátricos que acaba creando o seu consumo, “o que fan normalmente tanto o cannabis como os compoñentes do tabaco é debilitar en todos os sentidos o pulmón, que é onde ataca a covid”. Ademais, engade Manuel Isorna, o cannabis é unha droga que “o 80 ou 90% consume por vía fumada”, lembrando o aumento das probabilidades de contaxio polo fume ou mesmo por compartir o porro ou cachimba. Así, o artigo publicado indica como do mesmo xeito que acontece co consumo de tabaco, o consumo de cannabis pode provocar efectos a longo prazo de aumento da tose, a produción de esputo e as sibilancias, xunto con enfermidades das vías respiratorias como a bronquite crónica e a diminución da función pulmonar. “Evitar fumar cannabis e vaporear concentrados de THC e CBD é particularmente relevante para a saúde pulmonar á sombra da covid-19. Estes métodos de administración poden diminuír a eficacia do sistema respiratorio para responder á infección e, polo tanto, aumentar o risco de progresión rápida a hipoxemia”, recollen os expertos do Grupo Ibero Ciência.

Fonte: Universidade de Vigo
R.