Skip to main content

Xunta, empresarios e sindicatos referendan un pacto para intensificar o diálogo social centrado na competitividade e no emprego

O titular da Xunta, que presidiu este mediodía a Mesa do Diálogo Social, precisou máis polo miúdo que este pacto pon o foco en dúas grandes prioridades. En primeiro lugar, na competitividade empresarial: co impulso á dixitalización e ao financiamento, coa reactivación da demanda e co impulso do rural e a transformación baseada na innovación.

No tocante ás políticas de emprego, Feijóo referiuse a medidas de apoio no novo contexto poscovid; á necesidade de seguir cos ERTE naquelas actividades onde sexa imposible reactivar o emprego; á regulación do teletraballo; ao impulso da formación adaptada aos novos tempos; a maiores facilidades para conciliar; á modernización do sistema de orientación laboral; e á consolidación dos servizos públicos, “porque a sanidade, a educación e os servizos sociais son claves para saír desta situación”, sentenciou.

“En definitiva, seguiremos poñendo en marcha as medidas previstas no diálogo social, buscaremos novas medidas para reactivar a economía, buscaremos lexislacións axeitadas para ter uns sectores produtivos máis competitivos e reforzaremos as mesas de traballo”, abundou, recordando que, con este obxectivo, a Xunta modificou e reforzou a súa estrutura departamental, creando unha Consellería de Emprego e Igualdade e cunha Vicepresidencia económica.

Feijóo recordou que o diálogo social que xa se puxera en marcha deu lugar a 11 acordos para avanzar cara a unha Galicia máis igualitaria: “Ao longo deste últimos dez meses que pasaron desde a sinatura dos acordos logramos numerosos avances: no eido da formación e das ferramentas a prol dunha igualdade de oportunidades; nas políticas de emprego, concretando programas de axudas e plans de mantemento; ou na posta en funcionamento dos procedementos extraxudiciais de solución de conflitos de traballo individuais”, explicou.

Así mesmo, e no ámbito da Industria 4.0, resaltou o investimento de máis de 44 millóns de euros para, entre outras cousas, reactivar a dixitalización das empresas, o programa Galicia Inviste, a optimización loxística, os centros de fabricación avanzada ou a transformación da industria galega.

Unha responsabilidade de todos

Pola súa banda, o secretario xeral de CCOO en Galicia, Ramón Sarmiento, incidiu en que a Comunidade debe aspirar a dispor dun acordo consensuado, que sexa capaz de levala cara a un proceso de transformación no ámbito da dixitalización e da sostibilidade; para dar resposta ao cambio climático e ao reto demográfico; modernizar o modelo produtivo e reforzar a barreira máis eficaz para loitar contra a pandemia, dixo, referíndose á sanidade, aos servizos sociais, aos servizos públicos e á mellora da calidade do emprego.

O secretario xeral de UGT-Galicia, José Antonio Gómez, afirmou que esta declaración institucional dá continuidade ao proceso de diálogo social da anterior etapa. E apelou á responsabilidade de todos para dar resposta aos inquedanzas do conxunto dos cidadáns. “A cidadanía galega creo que demanda consensos, que axudemos entre todos a saír desta pandemia e que as consecuencias económicas e sociais non deixen a ninguén atrás”, subliñou.

Por último, Antonio Fontenla, da Confederación de Empresarios de Galicia, agradeceu o compromiso do Goberno galego de potenciar o diálogo social e fixo fincapé en que, neste momento de dificultades, “temos que pelexar todos: as administracións, os traballadores e as empresas”, para saír desta situación.
R.