Skip to main content

A Conta Xeral da Comunidade reflicte que Galicia cumpriu en 2019 os obxectivos de déficit e débeda pública establecidos no orzamento

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, salientou na rolda de prensa do Consello, que a aprobación hoxe da Conta xeral da Comunidade Autónoma ratifica que Galicia cumpriu no exercicio 2019 os obxectivos de déficit e débeda pública recollidos no seu orzamento. “Liquidou o exercicio cun déficit do 0,1% do PIB e cunha taxa de endebedamento do 17,5%”, abundou.

Na mesma liña, da Conta Xeral, que será remitida agora ao Parlamento de Galicia e ao Consello de Contas, pode extraerse a conclusión de que Galicia é a Administración autonómica que pagou en 2019 con máis axilidade aos seus provedores, cun período medio de pago de 19 días fronte aos 37,4 días da media das CCAA.

Así mesmo, este balance financeiro, explicou, reflicte tamén que o grao de execución do orzamento consolidado de gasto foi do 96,4% e que preto de 111 M€ quedaron nos petos das familias galegas grazas ás reducións de impostos aprobadas desde 2016. Ademais, os 535 M€ de aforro bruto acadados permitiron manter o importante esforzo investidor, o que continúa a manter a Galicia como unha das CCAA líderes en investimento, a “3ª con maior investimento con cargo ao seu propio orzamento”, apuntou.

A modo de conclusión, o titular da Xunta rematou a súa intervención sinalando que estes indicadores reafirman a aposta do Goberno galego por un modelo de crecemento baseado no cumprimento dos obxectivos de déficit e de débeda para seguir reducindo os gastos en xuros.

R.