Skip to main content

A Universidade da Coruña e o Clúster TIC poñen en marcha a Cidade das TIC coa licitación do plan director do proxecto e do Centro de Servizos Avanzados

Abalde lembrou que o proxecto contempla, ademais do Centro de Servizos Avanzados, un centro coworking, outro especializado en TIC, un complexo deportivo e zona de servizos, o parque empresarial, un edificio de servizos xerais e zonas de aparcadoiro. Ademais, como novidade, o reitor anunciou a creación dun novo edificio que se destinará a investigación. Este Centro de Investigación poderá acoller un máximo de 300 investigadores da Universidade da Coruña para que desenvolvan neste espazo o seu traballo científico. Abalde engadiu tamén que haberá un pavillón onde se reúnan as tecnoloxías existentes da extinta Fábrica de Armas para o seu posible uso por empresas.

O prazo de presentación de ideas para o Centro de Servizos Avanzados e a rehabilitación da Fábrica de Armas, que sae hoxe, estará aberto ata o día 2 de novembro. Un xurado presidido polo reitor, a UDC é accionista maioritaria xunto co Clúster TIC, premiará os tres mellores proxectos. Entre as condicións esixidas nos pregos do concurso establécense cuestións relativas á sustentabilidade e á eficiencia enerxética. A previsión é que, resolto o concurso, as obras comecen en xaneiro de 2021 de forma que no ano 2022 entre en funcionamento o Centro de Servizos Avanzados e, ao ano seguinte, outros edificios do complexo.

A UDC organizará xornadas de portas abertas os días 5 e 14 de outubro para que os participantes do concurso poidan coñecer as instalacións. Tamén se organizarán, aínda sen data, xornadas de portas abertas para que a cidadanía da Coruña visite as instalacións da antiga Fábrica de Armas.

O reitor sinalou na súa comparecencia que “este é un proxecto conxunto de varias administracións: Universidade, Xunta de Galicia, especificamente o Igape; Concello, Deputación e Ministerio de Defensa e esperamos que se sumen outras institucións estatais e europeas”.

Antonio Rodríguez del Corral destacou a relevancia da licitación porque permite calcular as datas para a instalación das empresas na Cidade das TIC. “Hoxe é o lanzamento da realidade da Cidade das TIC. Desde hoxe imos iniciar unha campaña de captación de empresas interesadas en instalarse na Cidade das TIC”, explicou. Rodríguez del Corral apuntou que o espazo do Centro de Servizos Avanzados distribuirase nun centro de demostración, con aproximadamente 1.500 metros cadrados; un laboratorio de innovación, co mesmo espazo; e o resto, sobre 1.000 metros cadrados, destinarase a acoller empresas.

Gonzalo Trenor subliñou o total apoio da Xunta de Galicia ao proxecto da Cidade das TIC desde o seu inicio, financiado con 4,8 millóns de euros polo Igape, e destacou “a gran oportunidade que supón este proxecto para Galicia e para A Coruña”. O Delegado Territorial da Xunta destacou que A Coruña “é o motor económico de Galicia, con máis do 50% da súa actividade económica na Coruña e na súa contorna”. “O proxecto da Cidade das TIC será clave para a transformación dixital das pemes galegas e a súa ubicación na Coruña o espazo máis acaído”, concluíu.

Finalmente, a alcaldesa da Coruña destacou o idoneidade deste proxecto como un exemplo de colaboración público-privada. “É un proxecto innovador e de futuro, referente en toda Galicia, unha aposta pola economía 4.0 e pola creación de emprego”, manifestou, adiantando a colaboración municipal para a urbanización interna dos accesos.

A Cidade das TIC terá unha capacidade para acoller un total de 2.500 traballadores na súa parte empresarial; a previsión é que 500 sexan postos de traballo novos nesta parte empresarial, e, na parte universitaria, poderán crearse 50 novos postos para investigadores, nun prazo a cinco anos. Segundo desvelou o presidente do Clúster TIC, están a ter moitas consultas de empresas tecnolóxicas de ámbito europeo interesadas en instalarse na Cidade das TIC. Apuntou ademais o interese de firmas multinacionais en ter aquí traballadores. “O teletraballo non se fai só desde casa senón que pode facerse desde a Cidade das TIC para multinacionais asentadas en Zurich ou noutros lugares”, especificou, resumindo o proxecto como “un campus empresarial-científico do coñecemento”. A Cidade das TIC será “un polo de atracción e retención de empresas tecnolóxicas”, concluíu o reitor.
R.