Skip to main content

Galicia traslada a Bruxelas a necesidade de apostar pola xente do mar e pola remuda xeracional na futura reforma da política pesqueira común

A representante do Executivo galego salientou a necesidade de avanzar na dimensión práctica da formación marítimo-pesqueira e na importancia de vencellala con fondos como o Fondo Social Europeo, coa finalidade de reforzar este eido, pois as posibilidades de actuación no marco do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) restrínxense a cuestións moi puntuais.

Nesta liña, a conselleira do Mar tamén subliñou ante a representante da Comisión Europea a transcendencia de mellorar o benestar das tripulacións a bordo dos buques mediante a mellora da habitabilidade e da seguridade con apoios públicos “pois a mellora nas embarcacións non sempre vai unido a aumentar a capacidade de pesca”. Eses avances e o mellor acondicionamento dos buques contribuirían a facer o sector máis atractivo para as novas xeracións e facilitarían a súa incorporación á actividade extractiva.

Rosa Quintana destacou que nese obxectivo é clave o propio FEMP, que está xa en proceso de reforma, pois debería apoiar asuntos como facilitar o acceso da xente nova ao sector, a mellora das condicións de seguridade e habitabilidade nos buques, a diversificación da economía das zonas costeiras e manter a competitividade do sector transformador, entre outras cuestións. Para logralo, incidiu, é fundamental que ese novo fondo sexa máis áxil e simplificado que o actual.

A titular de Mar expuxo ante Charlina Vitcheva que Galicia aposta por unha reforma da Política Pesqueira Común que pase por acrecentar os éxitos da anterior e reforzar o traballo en aspectos que non rexistraron avances positivos, como a necesidade de afondar na mellora da obriga de desembarque analizando cada pesqueira e as súas problemáticas ou a mellora da coordinación das políticas comerciais e as de asuntos exteriores para facer competitiva e sostible a pesca europea.

Brexit

O encontro coa representante do Executivo comunitario tamén serviu para abordar outros asuntos de interese para o sector pesqueiro galego como o brexit. A conselleira do Mar salientou o papel de Galicia nas xestións do Arco Atlántico no marco da Conferencia de Rexións Periféricas e Marítimas da UE co obxectivo de mitigar o impacto no sector deste proceso e que Europa estea preparada tanto para unha saída con acordo como sen el mediante o deseño de medidas de apoio ao sector. Nesta liña, apostou pola creación dun fondo de axuste do brexit para dar resposta ás incertezas que xera o abandono por parte do Reino Unido da UE.

Rosa Quintana tamén deu a benvida ao sector marítimo-pesqueiro á directora xeral de Asuntos Marítimos e Pesca e trasladoulle o seu desexo de colaboración ao tempo que a convidou a visitar Galicia para coñecer de primeira man a súa importancia no eido mar-industria. Neste sentido, lembrou que a comunidade dá emprego de xeito directo a case 50.000 persoas no sector extractivo e na industria asociada a el e que supera os 8.000 millóns de euros de facturación anual.

Conferencia de Rexións Periféricas e Marítimas

A Conferencia de Rexións Periféricas e Marítimas de Europa é unha asociación de 150 rexións europeas que aglutina a 200 millóns de persoas e na que están representados os 28 estados membros da UE. Entre os seus obxectivos está acadar unha forte cohesión territorial en Europa e unha política marítima integrada capaz de contribuír ao crecemento económico europeo. Está conformada por seis comisións xeográficas entre as que se atopa a do Arco Atlántico, na que está incluída Galicia.
R.