Skip to main content

A aceleradora BFAero presenta as oportunidades do sector aeronáutico galego para captar talento e proxectos innovadores

Argerey destacou o carácter pioneiro deste programa de incubación e aceleración, non só polo seu equipo promotor, no que participan empresas líderes neste ámbito, senón por tratarse da incubadora-aceleradora do sector aeronáutico que prevé un maior investimento por proxecto de Europa.

Ademais do apoio económico, que ascende a 100.000 euros na fase de incubación e 50.000 euros na fase de aceleración con opción a un préstamo adicional de Indra de entre 50.000 e 500.000 euros en incubación e sen límites en aceleración e un préstamo participativo de XesGalicia de ata 250.000 euros en aceleración, o programa ofrece un completo plan para o desenvolvemento e lanzamento dos seus produtos e servizos, que inclúe titorización e mentorización con expertos, acceso ás instalacións e equipos do Polo Aeroespacial de Galicia, espazo para oficina e coworking e formación. Esta terceira edición da BFAero, a través da que se seleccionarán sete proxectos (tres en incubación e catro en aceleración), incentiva a presentación de proxectos destinados a atopar solucións tecnolóxicas contra a covid-19.

Facendo balance das dúas edicións anteriores desta convocatoria, actualmente estanse a desenvolver doce proxectos procedentes de distintos tipos de entidades (centros tecnolóxicos, universidades, así como empresas que xeraron unha spin-out). En total, a través destes doce proxectos, están a traballar 62 persoas, cun investimento asociado de 3,65 millóns de euros.

Entre os principais fitos acadados polos proxectos incubados/acelerados, dúas iniciativas (Raytrack e Generadron) foron convidadas a presentar os seus proxectos ante o comité de innovación de Indra e manteñen contactos coa compañía de cara a establecer posibles colaboracións. Ademais, Raytrack, spin-off das universidades de Vigo e de Oviedo, conseguiu patentar un novo sistema que integra un xeoradar nun UAV (vehículo aéreo non tripulado) co fin de detectar obxectos soterrados co apoio dun sinal de satélite e foi galardoada co Premio Galileo Másters.

Pola súa banda, Generadron, que conseguiu grandes avances no desenvolvemento dun sistema para comprobar o estado das palas dos aeroxeradores sen necesidade de paradas, obtivo a cualificación de AESA como operadora de drons; e UAVWORKS, que ofrece unha aeronave con grande autonomía e alcance, acadou un prototipo e o seu dron VALAQ foi recoñecido como un dos dez mellores sistemas UAV de Europa pola revista Aerospace Defense Review.

A Business Factory Aero forma parte do Polo Aeroespacial de Galicia, a iniciativa estratéxica da Xunta de Galicia para desenvolver un polo tecnolóxico e industrial arredor dos vehículos non tripulados en Galicia. No programa participan entidades colaboradoras de relevancia para garantir o éxito da iniciativa como as empresas Indra e Babcock, socias tecnolóxicas da Xunta no Polo; pemes do sector; o Consorcio Aeronáutico de Galicia; o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG); as tres universidades galegas; e a Fundación CEL, entidade xestora do programa.

No marco desta xornada online, celebrouse tamén a mesa redonda Oportunidades no sector aeronáutico e dos vehículos non tripulados, nova normativa europea de drons e colaboración das universidades, na que participaron representantes de Indra, Babcock, XesGgalicia, Igape, Gain, Universidade Politécnica de Madrid e varios proxectos que participan na BFAero.
R.