Skip to main content

As empresas en ERTE teñen ata o 19 de outubro para solicitar a súa pertenza á cadea de valor de actividades protexidas

Este modelo de solicitude xa está dispoñible para que as firmas con ERTE, que dependan das empresas que operen nalgún dos 42 sectores protexidos polas últimas medidas do Goberno -pola súa elevada taxa de cobertura e cunha reducida taxa de recuperación de actividade a causa da pandemia- poidan acreditar a súa vinculación ou integración na cadea de valor. Trátase de sectores que acusan con maior virulencia os efectos da covid-19, tales como o hoteleiro, turístico, editorial, transportes, espectáculos, artes gráficas, lavandaría ou recreativo, entre outros.

No caso de que se recoñeza a pertenza ou dependencia da cadea de valor, o que compete á autoridade laboral galega, estas empresas cun negocio dependente maioritariamente delas, poderán acceder ás exoneracións mensuais nas cotas dun 85% se contan con menos de 50 traballadores, ou do 75% se son de maior magnitude. As exencións, segundo as últimas medidas, aplícanse tanto aos empregados en ERTE como as que o abandonan.

Poden realizar a solicitude todas aquelas empresas con expedientes de regulación temporal de emprego a causa da pandemia, que estean prorrogados automaticamente ata o 31 de xaneiro de 2021.

A efectos da norma, considéranse integrantes da cadea valor ou dependentes indirectas delas, as firmas cuxa facturación en 2019 chegara nun 50% de operacións realizadas de forma directa con algunhas das actividades recoñecidas para as prórrogas dos ERTE ata xaneiro, así como aquelas cunha actividade real dependente de xeito indirecto.
R.