Skip to main content

A Xunta informará semanalmente da situación epidemiolóxica dos concellos segundo o nivel de casos novos

No caso dos concellos de máis de 50.000 habitantes, establecerase: o verde para os que teñan menos de 28 casos novos á semana por 100.000 habitantes; amarelo para entre 28 e 55 casos novos á semana por 100.000 habitantes; laranxa para entre 56 e 111 casos novos á semana por 100.000 habitantes; e vermello para máis de 111 casos novos á semana por 100.000 habitantes.

“Desta clasificación sairían dous mapas: un aos 7 días e outro aos 14 días, onde se indicarán con carácter xeral que concellos están nunha situación tranquila, cales avanzan cara a unha situación máis preocupante, cales están nunha situación máis comprometida e cales nunha situación que pode dar lugar a restricións”, engadiu Feijóo, precisando que esta información se fará pública na web da Consellería de Sanidade.

Durante unha reunión co presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias, Alberto Varela, o presidente da Xunta aseverou que “se a colaboración é imprescindible en momentos ordinarios, faise absolutamente imprescindible nos momentos excepcionais como o provocado por esta pandemia”.

Nesta liña, o titular do Goberno galego confirmou a decisión de convocar “de forma inmediata” unha nova reunión da Comisión Galega de Cooperación Local, recordando que nos últimos anos se lograron importantes consensos en materias como: a convocatoria única de policías locais, a Axenda Social Única, o Plan marco de mellora de Camiños, o Pacto pola paisaxe; ou o reparto e recursos adicionais do Fondo de Cooperación Local.

Sobre este último punto, despois de coñecer onte algunhas liñas mestras por parte do Goberno central e se ben aínda faltan datos para poder elaborar os orzamentos autonómicos para 2021, Feijóo adiantou o compromiso coa Fegamp de celebrar unha xuntanza, antes de presentalos, para concretar o alcance e contido do Fondo de Cooperación Local para o vindeiro ano.

Durante a súa intervención, o titular da Xunta destacou que ao longo da última década os concellos galegos percibiron por este concepto máis de 1.300 millóns de euros; “e agora é preciso avanzar nos criterios de reparto para 2021”, dixo, incidindo en que a intención do Executivo autonómico é seguir a priorizar proxectos dirixidos a competencias de interese compartido.

“A auga é un tema prioritario nesta lexislatura”, subliñou Feijóo, facendo fincapé na necesidade de avanzar no Pacto da auga, referíndose á proposta da creación dunha empresa pública para xestionar o abastecemento e o saneamento, de común acordo cos concellos e coas deputacións.

Ao longo da reunión, Feijóo destacou tamén os avances para pechar o mapa de resposta ante as emerxencias; a colaboración para erradicar a vespa velutina; a convocatoria única para a provisión de vacantes de Policía Local, á que xa se sumaron 81 concellos; o Pacto dos alcaldes para o clima e a enerxía, “no que invitamos á adhesión de todos os concellos”; a iniciativa Doing Business, á que xa están adheridos 133 concellos; e o Plan de transporte público, no que a Xunta agarda contar coa implicación de todos as Administracións para acadar o 100% de funcionamento.

Por último, o titular da Xunta e o presidente da Fegamp abordaron a redución drástica nos servizos ferroviarios, destacando as suspensións que afectan aos Feve Ferrol-Ribadeo, ao Eixo Atlántico, ás conexións Ourense-Monforte-Lugo e ás viaxes a Madrid, Barcelona e País Vasco. Ademais de manterse pechado o servizo de venda de billetes nalgunhas estacións.
R.