Skip to main content

O V Festival de Cine Inclusivo de Vigo homenaxeará ós profesionais da saúde e dos servizos sociais

A Xunta dirixiu este ano 190.000 euros a festivais audiovisuais a través das subvencións da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Universidade. O seu director, Jacobo Sutil, explicou no acto de presentación do V Festival de Cine Inclusivo de Vigo que este é un dos eventos adxudicatarios desta liña de axuda destinada a potenciar un “mapa galego” de certames audiovisuais vertebrado por especialidades e por territorios. Neste sentido, destacou a importancia da especificidade do festival vigués, que non só aborda historias cara á concienciación social polo títulos que proxecta, senón que tamén en conta a accesibilidade total do público, a través da organización de sesións audiodescritas e apoiadas por lingua de signos.

Programa no Auditorio Municipal e no Cine Salesianos

A inauguración do festival desenvolverase o martes 13 ás 20,30 h. no Auditorio Municipal de Vigo coa proxección de De chaque instant, de Nicholas Philibert, un filme que se achega ao proceso de formación dun grupo de enfermeiras para coñecer os seus desexos e medos.

Dentro da sección de documentais a competición, o certame acolle a exhibición de tres obras o martes, mércores e venres, respectivamente: Crip Camp. A Disability Revolution, de James Lebrecht e Nicole Newnham; Urxencias en México DF / Midnight family, de Luke Lorentzen; e Ara Malikian: una vida entre las cuerdas, de Nata Moreno. Os dous primeiros documentais poderanse ver no Auditorio Municipal ás 17,30 h., mentres que o último se proxectará no Cine Salesianos a partir das 20,30 h.

As pantallas destes dous espazos culturais da cidade serán os que acollan a meirande parte da carteleira prevista, con distintos pases e horarios. Así, a sección de longametraxes de ficción contará con outras tres obras: Cuerdas, a primeira longametraxe de José Luis Montesinos; Recuérdame / Remember me, dirixida por Martín Rosete; e Bailando na néboa / Invisible Nematoma, de Ignas Jonynas, en tanto que as curtas documentais seleccionadas son Carne, de Camila Kater; Un viaje inesperado, de María Guerra; Woman, de Raúl de la Fuente; Paraíso, de Mateo Cabezas; Otra forma de caminar, de Laura Torrijos-Bescós; e El monstruo invisible, de Javier Fesser e Guillermo Fesser.

O festival pecharase o sábado 17 coa entrega de premios, despois da exhibición das curtametraxes de ficción en competición: Homomaquia, de David Fidalgo; Para sempre, Malévich, de Antón Veiga; Orquesta Los Bengala, de David Valero Simón; Operación R.A.E, de Borja Álvarez; El método PIGS, de Borja Kozlov; Xoves de comadres, de Noemí Chantada; There will be monsters, de Carlota Pereda; Loca, de María Salgado Gispert, e Polter, de Álvaro Vicario.

Concurso de webseries e actividades paralelas

A Asociación Galega Audiovisual Inclusiva engadiu nesta edición unha sección de concurso específica para de webseries, entre as que se proxectarán Enfermedades raras, Indetectables, Amor superdotado, #Sitcom e Hasta la vista!. Neste caso, o público determinará o premio á mellor obra a través dunha votación en liña que xa está aberta no apartado da web do festival.

Haberá tamén unha serie de actividades paralelas que pretenden crear conciencia sobre a inclusión no seu aspecto máis amplo. Deste xeito, o mércores Manuel Burque, guionista e actor na serie Vida perfecta, creada por Leticia Dolera, será o encargado de guiar o webinario Vida perfecta e como rachar moldes no marco da sección Coñece!, dirixida a centros escolares e prevista para o mércores 14. O sábado 17 desenvolverase telematicamente unha charla coa Asociación Galega de Guionistas (AGAG) baixo o título El último show e a representación da terceira idade na ficción. Intervirán profesionais do sector audiovisual ligados a esta serie como Álex Rodríguez, Miguel Ángel Tirado, Luisa Gavasa, Sara Alquézar ou Enrique Lojo. Ese mesmo día terá lugar o Café con CREA (Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización), no que Noemí Chantada e Álex Cancelo, participarán no coloquio A responsabilidade dos creadores coa realidade.
R.