Skip to main content

A Xunta de Galicia intervén a residencia de maiores Os Gozos, no Pereiro de Aguiar e eleva os niveis de restricións no concello do Carballiño

Tras analizar a situación epidemiolóxica da covid-19 na comunidade, o subcomité clínico non considerou necesario establecer novas restricións noutras zonas, agás as xa mencionadas no concello do Carballiño. Deste xeito, a día de hoxe, Ourense, Barbadás e O Carballiño están en nivel 3, coas restricións de hostalería anteriormente ditas, ademais da prohibición de xuntanzas de persoas que non vivan xuntas e engadindo a redución da mobilidade nos concellos de Ourense e Barbadás.

No nivel 2 de restricións continúan os concellos de Santiago, Lugo, Pontevedra, Ortigueira, Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa, Meis, Poio, Marín, Cambados, Sanxenxo e as comarcas de Allariz, Ourense (agás concello de Ourense e Barbadás), O Ribeiro, O Carballiño (agás concello do Carballiño), Verín e Valdeorras, así como no Milladoiro (Ames)

Entre estas restricións xerais deste nivel destacan a limitación dos aforos ao 50% nos establecementos comerciais, de restauración e hostalería -onde ademais estará prohibido o consumo en barra-, así como en bibliotecas, academias, autoescolas e centros privados de ensino non regrado entre outros. Tamén se establece a limitación do número máximo de persoas nas xuntanzas tanto privadas como na vía pública fixado nun máximo de 10 persoas; así como a redución dos aforos en celebracións, velorios e lugares de culto. Ademais, no concellos de Verín e O Barco de Valdeorras, e na comarca do Carballiño tamén están prohibidas as xuntanzas de persoas que non vivan xuntas.

Con estas medidas, a intención de Sanidade é poder actuar de xeito más selectivo e con maior rapidez ante a aparición de casos nunha zona concreta. É por isto que, fronte ás medidas adoptadas para toda a comunidade autónoma dende o principio da pandemia, quérese agora acoutar o máis posible, podendo restrinxirse e regularse determinadas actividades xa non por áreas sanitarias, senón por concellos, cidades ou mesmo barrios.

Pereiro de Aguiar

A Xunta de Galicia vén de intervir a residencia de maiores Os Gozos, no municipio do Pereiro de Aguiar, despois do aumento no número de casos positivos por covid-19 rexistrado nas últimas horas. Unha vez avaliada a situación do centro residencial, as Consellerías de Sanidade e Política Social acordaron tomar esta medida para garantir a calidade asistencial e a correcta protección da saúde dos residentes e traballadores do centro.

Un equipo de profesionais do Servizo Galego de Saúde (Sergas) xa se desprazou á residencia para facer un seguimento médico constante dos usuarios da mesma, así como para vixiar a correcta aplicación dos protocolos de prevención, seguridade e hixiene fronte ao coronavirus aprobados pola Xunta de Galicia. Ademais, os profesionais do Sergas velarán pola continuidade dunha atención sociosanitaria axeitada no centro.

A medida de intervir a residencia adóptase despois de que na xornada de hoxe se contabilizaran tres novos contaxios entre os usuarios e outros 23 en traballadores, o que sitúa o número total de casos positivos por coronavirus neste centro en 112 residentes e 25 profesionais.
R.