Skip to main content

Sanidade realizará cribados nas residencias universitarias galegas e subliña a limitación de reunións a grupos de 10 persoas

Así, detallou que o establecemento de medidas nos diferentes concellos obedece á combinación dun conxunto de criterios e parámetros con valor epidemiolóxico, que van máis alá, da denominada incidencia epidemiolóxica.

García Comesaña apuntou que malia que a situación en Galicia presenta uns mellores datos que o meirande parte das Comunidades Autónomas, a consellería segue a tomar decisións e, neste sentido anunciou que na xornada de hoxe comezou o cribado de estudantes nas residencias universitarias de Santiago de Compostela.

Sobre este particular, o titular da carteira sanitaria galega apuntou que estes cribados ampliaranse ás residencias dos restantes Campus universitarios de Galicia, nomeadamente, Coruña e Vigo. Pola súa banda, a directora xeral de Saúde Pública, sinalou que estas probas tamén se poden estender a outros ámbitos universitarios.

Así mesmo, Sanidade avanzou que está traballar na elaboración dun novo protocolo de cara ao vindeiro Día de defuntos.

O secretario xeral do Sergas, Alberto Fuentes, enumerou algunhas das limitacións establecidas onte polo Comité clínico sobre a limitación a grupos de até 10 persoas en toda Galicia, o que repercute en academias e centros con outras actividades de formación non regrada, a animación nos hoteis, bibliotecas e arquivos, actividades en ximnasios ou centros semellantes, actividades turísticas e de tempo libre e locais de xogo e apostas, entre outros.

Todas estas medidas, publicaranse hoxe no Diario Oficial de Galicia, e entrarán en vigor dende as 00:00 horas desta medianoite.

Pola súa banda, o xerente do Sergas, José Flores, puxo o foco en que nestes intres, está garantida a capacidade asistencial nos centros sanitarios galegos, lembrando que é preciso adoptar estas medidas coa anticipación suficiente, para poder garantir o servizo sanitario en todas as áreas.

No transcurso da rolda de prensa, na que tamén participaron os membros do Comité clínico, Sergio Vázquez e Tato Vázquez Lima, reiterouse a necesidade de cumprir a totalidade das medidas hixiénico-sanitarias establecidas, apelando á responsabilidade individual á hora de celebrar xuntanzas, solicitando a colaboración do conxunto de universitarios e universitarias galegas neste particular.
R.