Skip to main content

A sede de servizos transversais das tres universidades galegas estará rematado a vindeira primavera na Cidade da Cultura

O edificio Fontán acollerá a Axencia para a Calidade do Sistema Universitario (Acsug), cuxo obxectivo é garantir que a docencia, a investigación, a xestión e a transferencia do coñecemento se encamiñen cara á excelencia, e o Consorcio Interuniversitario de Galicia (Cisug), centro neurálxico da xestión conxunta das tres universidades, centralizando os servizos bibliográficos, a organización das probas de acceso á educación superior e o desenvolvemento de programas informáticos que melloren a organización. Así mesmo, o edificio converterá a Galicia nunha referencia en España no eido da investigación do patrimonio ao acoller o Centro de Investigación sobre Patrimonio Cultural (Cispac) e o Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit), dependente de CSIC. Vencellado ao SUG, será a maior fonte de coñecemento sobre a paisaxe, os itinerarios culturais e o patrimonio cultural e o primeiro e único centro de investigación de España nestas áreas de coñecemento. Con 2586 metros cadrados dedicados, ocupará unha quinta parte do Fontán e funcionará como un observatorio permanente do Camiño de Santiago, encargándose de estudar a xestión, promoción, sustentabilidade e protección dos camiños e do seu patrimonio cultural.

O Fontán acollerá tamén o Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit), organismo dependente do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) que promove a investigación científica sobre o patrimonio cultural. O Incipit ocupará 2320 metros cadrados, e polo uso destas instalacións, o CSIC achegará 2,4 millóns á Cidade da Cultura, ademais de asumir o custe anual dos gastos que xere o Incipit polo desenvolvemento da súa actividade.

Edificio sustentable e funcional

O arquitecto Andrés Perea, responsable xunto a EuroEstudios do proxecto e da dirección das obras, deseñou un edificio sustentable caracterizado pola funcionalidade e a austeridade dos materiais e a complicidade co resto dos edificios da Cidade da Cultura. O cristal e o metal son os materiais predominantes do inmoble, dividido en catro andares, que suman unha superficie total construída de 13.317 metros cadrados e 12.481 útiles

O edificio inclúe un auditorio, con capacidade para 750 persoas divisible en tres salóns de actos independentes; un xardín cuberto con fachadas abertas, pensado tamén como espazo museístico vencellado coa actividade que alberga; patios interiores; e unha nova rúa principal que atravesará o edificio comunicando as dúas estradas peonís da Cidade da Cultura (a do CINC e a Biblioteca de Galicia), sen ter a necesidade de rodealo.
R.