Skip to main content

Os pacientes con obesidade e fígado graxo con inflamación presentan un maior risco tras infectarse coa COVID-19

A esteatohepatite non alcohólica ou fígado graxo con inflamación, caracterizada por inflamación e fibrose hepática, está asociada á obesidade e afecta a 1.900 millóns de persoas no mundo. A investigación demostrou que, nos pacientes con obesidade e esteatohepatite non alcohólica, identifícase unha expresión máis elevada de ACE2, o receptor celular do virus, e de Tmprss2, unha molécula que facilita a unión das membranas do virus e a célula. Estes pacientes presentan, por tanto, unha maquinaria de entrada do virus moi eficaz, aumentando a súa vulnerabilidade en caso de infección, aseguran os responsables do estudo. Neste mesmo traballo identificouse que esta maquinaria de entrada do virus non se atopa elevada en pacientes con obesidade e esteatose, un estadio máis leve que a esteatohepatite, nin en pacientes con obesidade e diabetes tipo 2, enfermidades que tamén están moi ligadas.

O estudo está liderado polo laboratorio de metabolismo molecular de Ruben Nogueiras, investigador no Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS) e do Centro de Investigación Biomédica en Rede de Fisiopatoloxía da Obesidade e Nutrición (CIBEROBN), así como polo de Malu Martínez Chantar do Centro de Investigación Cooperativa en Biociencias (CIC bioGUNE) e do Centro de Investigación Biomédica en Rede de Enfermidades Hepáticas e Dixestivas (CIBEREHD). Este traballo, realizado en colaboración con Javier Crespo, investigador do Hospital Universitario Marqués de Valdecilla/IDIVAL e do CIBEREHD; e Xema Frühbeck, investigadora da Clínica Universidade de Navarra, o CIBEROBN e un consorcio de investigadores internacionais, foi publicado na revista internacional Journal of Hepatology, unha das de maior impacto na súa área. Os primeiros autores do devandito traballo son os investigadores Marcos F. Fondevila, María Mercado-Gómez, Amaia Rodríguez e María J. González-Rellán.
R.