Skip to main content

Aprobada a Estratexia de dinamización do sector lácteo para consolidar Galicia como potencia láctea en España e Europa

Nesa liña, esta iniciativa, elaborada en consenso co sector, inclúe 125 medidas agrupadas en eixes estratéxicos de produción, industria e mercados, e os transversais de cadea de valor, formación e innovación.

Deste xeito, no ámbito da formación e profesionalización, o presidente da Xunta detallou que se prevén medidas como: unha mellora da formación en todos os niveis educativos; a oferta de ciclos de FP Dual e a adaptación da Formación Profesional ás familias profesionais agrarias: un sistema que recoñeza a formación universitaria e a FP á hora de dar axudas para incorporar mozos ao sector; un ambicioso programa de formación e reciclaxe dos asesores ou a creación dunha rede de ‘granxas piloto’ que permita probar novas tecnoloxías. Feijóo engadiu que tamén se elaborará “un Plan de formación do persoal dos centros de formación agroforestal”.

No eido da produción, a Estratexia propón a creación dun Banco de explotacións para as que non teñan relevo xeracional; unha Lei de recuperación e posta en valor da terra agraria para ampliar a base territorial das granxas e a reestruturación parcelaria en zonas de elevada carga gandeira.

No que se refire á industria e aos mercados, o obxectivo é “pasar do 50% da transformación do leite en Galicia ata o 75%”, salientou Feijóo. Para acadar ese obxectivo aumentarase o peso das Denominacións de Orixe Protexida de Queixo de Galicia con novos formatos adaptados ás demandas do consumo e facilitarase a entrada de novos operadores industriais, entre outras medidas.

En canto á cadea de valor, a Estratexia inclúe potenciar a entrada das cooperativas de produtores no capital de novas industrias. “Necesitamos profesionalizar as cooperativas”, insistiu Feijóo. Ademais, reactivarase o ‘acordo lácteo’ a nivel do Estado, o Observatorio do Lácteo a nivel galego, e implantarase un sistema para calcular os custos de produción.

Finalmente, en innovación fortaleceranse as axudas para lanzar novos produtos de valor engadido e contratarase persoal máis cualificado.
R.