Skip to main content

O Observatorio Municipal Galego analiza a situación económica-financeira dos concellos galegos e o seu impacto nas economías locais

Os datos analizados polo Observatorio Municipal Galego, indican en nota de prensa desde a Rede Localis, “posibilitan favorecer, desde a óptica pública, o coidado e a atención do tecido económico local e o desenvolvemento de políticas públicas para a cidadanía”. A débeda viva per capita en 2018, detallan, era de 93 euros, mentres que o remanente de tesouraría ascendía aos 499 euros por habitante. Neste ano, engaden, o total de débeda viva dos concellos galegos era de 251,4 millóns de euros, fronte aos 1347 millóns de remanente. “En consecuencia, a débeda non chegaba a representar nin o 19 % dos aforros xerados”, afirman. En termos relativos respecto dos ingresos correntes, engaden, “como indicador proxy da capacidade de satisfacer os importes debidos, a débeda supuña en 2018 o 11 %. O remanente de tesouraría ascendía ao 59% dos ingresos correntes. Ambos indicadores reforzan a formulación do alto grao de saneamento económico-financeiro dos concellos galegos”. Unha conclusión similar pódese obter, apuntan desde o observatorio, do importe de pagos pendentes, que en 2018 representaban 122,4 millóns de euros, 45 euros por habitante, e o mesmo respecto ao período medio de pago, cifrado en 38 días, un resultado moi próximo aos 30 días que establece a normativa.
Elevados remanentes

“Dado a elevada cifra de remanente dos concellos galegos, os expertos recomendan suspender as regras fiscais non só para o exercicio económico 2020 e 2021, senón ir máis aló, establecendo un escenario máis a medio prazo”, indican desde a Rede Localis. A actual situación de incerteza económica e social, subliñan, “precisa dunha adecuación das regras de funcionamento de todas as administracións públicas, e, en particular dos municipios, por dous motivos: a súa capacidade económica-financeira para afrontar gastos e por tratarse da administración pública máis próxima ao cidadán”.

Unha segunda alternativa a expor, detallan en nota de prensa, “sería reactivar o tecido económico que prové ás entidades locais galegas reducindo os trámites administrativos”. Neste sentido, indican que “é necesario, para recuperar o pulso económico nesta segunda onda da pandemia, potenciar a ventá única en todos os municipios de Galicia, contar con persoal nos concellos que mellore a comunicación coas empresas, dispor dunha ordenanza única reguladora para a prestación de servizos e potenciar o papel das entidades de certificación de conformidade municipal”.
R.