Skip to main content

A Estratexia de Dinamización do Sector Lácteo galego persegue profesionalizar os gandeiros para incrementar a produción, a competitividade e a rendibilidade das súas explotacións

Así, no quinto concello con maior produción de leite da comunidade, o director xeral debullou o contido da Estratexia de Dinamización do Sector Lácteo Galego, sinalando que persegue fortalecer a profesionalización do sector e a mellora da súa rendibilidade, ademais de defender a calidade dos nosos produtos lácteos. Para iso, segundo lembrou, actuarase no marco dos cinco grandes obxectivos estratéxicos: a produción, a industria, os mercados, a cadea de valor do leite e a formación e innovación.

Primeiramente, no relativo á produción, José Balseiros puxo de relevo que o Goberno galego busca garantir a continuidade das granxas viables, creando un Banco de explotacións que acolla as que non teñan relevo e establecendo un programa de preparación que poña en contacto aos produtores que se retiran cos que teñen intención de incorporarse, para os que haberá -engadiu- incentivos fiscais e medidas de apoio financeiro. Neste eido, a futura Lei de recuperación e posta en valor da terra agraria de Galicia -analizada hoxe no Consello da Xunta- permitirá habilitar novos mecanismos de mobilización para dotar ás explotacións de máis base territorial. En todo caso, recalcou José Balseiros, seguiranse promovendo procesos de reestruturación parcelaria, en paralelo á posta en marcha dos polígonos agroforestais ou dos polígonos cortalumes.

Mentres, para apostar pola sustentabilidade e a economía circular, destacou que sairá adiante a normativa galega que regulará a xestión integral das dexeccións gandeiras, garantindo a trazabilidade dende a produción ata o seu tratamento final. Nesa dirección, o director xeral lembrou que a Xunta presentou alegacións ao decreto estatal sobre nutrición dos solos agrarios para adaptalo ás explotacións galegas e reclamou a súa implantación gradual para non prexudicar o sector. Así, solicitouse que se teñan en conta os condicionantes naturais de Galicia e a escasa base territorial da maioría das súas explotacións, ademais de pedir proporcionalidade nas cargas que impón o borrador canto á capacidade contaminante dos xurros e que se valoren e compensen os investimentos que deben facer agricultores e gandeiros para cumprir a norma.

Volvendo á Estratexia do lácteo, e seguindo coas medidas pensadas para a industria, José Balseiros apuntou que a finalidade é aumentar a transformación do leite en Galicia apostando pola diversificación de produto, traballando por que se asenten novos operadores industriais e por que se fortalezan os xa existentes. No relativo aos mercados, cómpre incidir no posicionamento dos produtos lácteos galegos a nivel nacional e internacional, da man da xa consolidada marca Galega 100% pero tamén dos novos selos que se promoverán para distinguir o leite de pastoreo e o de produción integrada.

Canto á cadea de valor, reforzarase a relación entre os distintos axentes, impulsando o asociacionismo profesionalizado e fomentando a entrada das cooperativas no capital de novos investimentos industriais en Galicia, para que se beneficien da transformación do produto e asuman un papel relevante na negociación do leite. Nesa dirección, apostarase por reactivar o “acordo lácteo” a nivel estatal e o Observatorio do Sector Lácteo a nivel autonómico, así como por habilitar unha aplicación para que o gandeiro poida calcular os seus custos de produción e negociar mellor a venda do leite, ademais de facer estudos comparativos con respecto ao sector.

Por último, no tocante á formación e innovación, traballarase por responder ás necesidades dos gandeiros e industrias, fortalecendo as estruturas de formación, investigación e innovación da nosa comunidade, así como a tecnoloxía a disposición do sector. No caso dos produtores, avogarase por primar a formación universitaria e por impulsar accións formativas específicas en xestión empresarial por parte de escolas de negocios, así como pola creación dunha rede de granxas piloto que permita probar novas tecnoloxías, novos sistemas de xestión e de produción encamiñados á maior profesionalización do sector.
R.