Skip to main content

Galicia subliña o compromiso cos obxectivos de desenvolvemento sostible e propón un pacto nacional pola Axenda 2030

Vázquez Mejuto lembrou o traballo feito neste eido desde o ano 2017, cando a Xunta empezou a traballar na adopción en clave autonómica dos chamados ODS, adiantándose deste xeito incluso ao Plan de Acción para a Axenda 2030 impulsado polo Executivo central.

En todo caso e tras reivindicar a idiosincrasia de cada comunidade autónoma á hora de afrontar os retos marcados pola ONU en materia de sostibilidade, a conselleira tamén incidiu en que o obxectivo debe ser acadar o avance conxunto de todo o país. Para facelo, propuxo completar o devandito Plan de Acción cun Pacto Nacional no que se fixen e clarifiquen os obxectivos e mecanismos que permitan o cumprimento desta folla de ruta universal e, sobre todo, o financiamento necesario para logralo en condicións de equidade en todo o país.

Comisión Interdepartamental e primeira diagnose

Cómpre lembrar que a Xunta presentou o primeiro informe de diagnose sobre a aplicación en Galicia dos ODS o pasado mes de novembro no marco dunha reunión da Comisión Interdepartamental para o seguimento da Axenda 2030, un órgano creado a comezos de 2019 e que integran máis de 30 representantes de todos os departamentos da Xunta.

Grazas á diagnose realizada, a responsable autonómica subliñou que Galicia coñece non só o estado actual da comunidade con respecto ás metas fixadas polas Nacións Unidas a través da Axenda 2030 e dos seus 17 ODS, senón que tamén pode identificar oportunidades de mellora de cara ao futuro.

Nesta liña, lembrou que un dos principais obstáculos cos que a Xunta se ten topado á hora de facer este exercicio de diagnose é que a ONU non fixa obxectivos concretos e cuantitativos a acadar na próxima década.

Por este motivo, considerou imprescindible buscar a nivel nacional “un consenso” sobre cal é o punto de partida” e a “cuantificación” que se quere acadar no horizonte do ano 2030 para cada un dos indicadores de desenvolvemento sostible establecidos.

Así, Ángeles Vázquez avogou por determinar en que grao e con que actuacións poden contribuír as comunidades autónomas á perspectiva de España e á súa vez, á perspectiva global sobre a Axenda 2030. E con este fin, emprazou ao Estado a garantir unha comunicación fluída e bidireccional entre todas as administracións implicadas para poder constituír unha verdadeira plataforma de intercambio e coordinación nesta materia.
R.