Skip to main content

A Sanidade Pública galega recibe 10 premios Best In Class, que recoñecen publicamente aos mellores servizos de atención primaria e hospitalaria de España



O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, visitou está mañá o Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, que vén de recibir por segundo ano consecutivo o Premio Best In Class ao mellor hospital de España na categoría de Centro de Alta Complexidade.

Nesta ocasión, o CHUAC conseguiu tamén os premios aos mellores servizos de Microbioloxía, Reumatoloxía, Nefroloxía e á Unidade de Coidados Paliativos, ademais de clasificarse para a final dos prestixiosos premios Best In Class nas categorías aos mellores servizos de Farmacia e Farmacia en enfermidades inmunomediadas (IMIDS), Neumoloxía, Neuroloxía, Psiquiatría, Reumatoloxía, Urxencias e Uroloxía, así como á de mellor unidade de dor e de enfermidades infecciosas. O pasado ano, tanto o Hospital como os servizos de Farmacia Hospitalaria e de Nefroloxía xa conquistaron este galardón, cada un nas súas especialidades.

Durante a súa intervención, o conselleiro destacou que isto vén a confirmar que a Sanidade galega ofrece unha atención primaria e hospitalaria de calidade, innovadora, que forma magníficos profesionais e na que o paciente está no centro de cada unha das decisións e actuacións. “Pero todo isto non é casual: é froito do labor dun extraordinario equipo formado por arredor de 40.000 profesionais sanitarios, que contribúen a que o noso sexa un sistema de saúde sobresaínte” puntualizou.

O resto dos galardóns repartíronse entre o centro de saúde da Estrada que levou, por sexto ano consecutivo, o premio ao mellor centro de saúde de España; os servizos de Cardioloxía, Neuroloxía e a Unidade de enfermidades infecciosas de Pediatría do CHUS; e o servizo de Patoloxía Dixestiva do CHOP.

Os Premios Best In Class teñen como obxectivo recoñecer publicamente ao mellor centro de atención primaria, ao mellor hospital e a os mellores servizos e unidades do territorio nacional, tanto públicos como privados, que buscan a excelencia na atención que prestan aos seus pacientes. Tanto os gañadores como os finalistas forman parte da Guía dos Mellores Hospitais e Servizos Sanitarios que se edita anualmente.

A concesión destes premios baséase na puntuación obtida polos candidatos co Índice de Calidade Asistencial ao Paciente (ICAP), que se establece a partir da análise multivariable con entre 100 e 150 indicadores. Entre eles destacan a atención ao usuario, a mortalidade, ou a taxa de infeccións entre outros factores, todo iso en función da especialidade.
R.