Skip to main content

Galicia aproba a prórroga do orzamento para garantir o normal funcionamento dos servizos públicos e o pago a provedores

Así, a prórroga regula o aboamento ordinario das retribucións dos empregados públicos da Xunta; as prestacións por dependencia ou a Renda de Integración Social (RISGA); así como os pagamentos, en tempo, aos provedores da Administración galega.

“Así mesmo, posibilítanse tamén os expedientes anticipados de gastos o que permite que a Xunta siga funcionando con normalidade, a pesar de que teña catro semanas de retraso na aprobación das contas do 2021”, abundou.

Aprobación do complemento extraordinario das pensións non contributivas

Na rolda de prensa do Consello, Feijóo resaltou tamén a aprobación, un ano máis, do complemento extraordinario de 206 euros para os perceptores de pensións non contributivas da Seguridade Social e doutras prestacións semellantes.

Este complemento beneficiará a 38.000 persoas: entre os pensionistas de xubilación e invalidez na súa modalidade non contributiva; as persoas anciás e enfermas con incapacidade para o traballo, beneficiarias de axudas periódicas; e as persoas con discapacidade que perciben o subsidio de garantía de ingresos mínimos.

Cómpre salientar que esta axuda ingresarase de oficio a todos os beneficiarios que reúnan os requisitos, sen necesidade de solicitala nin levar a cabo ningún trámite adicional.

O titular da Xunta fixo fincapé na importancia deste complemento, que non manteñen todas as comunidades, xa que non é obrigatoria a súa existencia.

Tarxeta Benvida 2021

“E seguimos traballando tamén na Tarxeta Benvida do ano 2021”, dixo, lembrando que, desde a súa creación en 2016, máis de 66.000 familias se beneficiaron desta iniciativa, á que se destinou, ata o memento, 91 millóns de euros.

Cunha axuda de 100 euros ao mes durante o primeiro ano de vida do cativo, Feijóo salientou que para acceder á esta tarxeta, a renda anual familiar deberá ser inferior aos 45.000 euros ou menos de 13.500 euros per cápita, co obxectivo de atender os gastos que supón ampliar a familia, como a compra de alimentos infantís, así como produtos de hixiene ou farmacéuticos.

Cómpre salientar que en 2020 introducíronse catro novidades: un complemento do 25% para as familias que vivan en concellos de menos de 5.000 habitantes; un complemento para familias numerosas, de xeito que os terceiros fillos e sucesivos perciban 2.400 euros anuais (o dobre da contía; facilidades para a prestación de solicitudes por parte dos galegos que retornan a Galicia; e a posibilidade extraordinaria de ampliar a tarxeta ata os catro anos para as familias en situación de vulnerabilidade.

“En definitiva, levamos investidos ata o memento 91 millóns de euros e, para o próximo ano contamos cunha reserva de crédito de 32,2 millóns de euros”, concluíu.
R.