Skip to main content

Galicia pide ao Goberno central ter presenza nas futuras negociacións tanto en Europa como co Reino Unido sobre o brexit para defender os intereses da súa frota

Feijóo trasládalle na misiva a Pedro Sánchez que a Comunidade está a traballar de forma intensa na análise do acordo e das súas derivadas e que o sector pesqueiro galego e as familias que viven del non poden permitirse un novo impacto semellante ao sufrido coa adhesión de España á Comunidade Económica Europea en 1986. Por iso, ponse á súa disposición e ofrécelle a súa colaboración na defensa dos intereses da frota galega e española.

Non obstante, o titular do Executivo galego lamenta que Galicia aínda non recibise información de xeito oficial sobre o acordo por parte do Estado e incide en que os datos coñecidos ata o momento deixan un panorama sombrío para a frota. Unha situación, subliña, que vén confirmar os malos presaxios e a preocupación expresada pola Comunidade e por outras rexións costeiras europeas desde hai meses en relación coa posibilidade de que a pesca fose entregada como moeda de cambio no acordo.

O presidente da Xunta expón no seu escrito que a redución de cotas como consecuencia da cesión a Reino Unido incide sobre unha base xa moi escasa de posibilidades de pesca derivada do tratado de adhesión de España á UE así como do coñecido como principio de estabilidade relativa, que permitiron manter a actividade en augas de Gran Sol a costa do sacrificio do 70% da frota pesqueira que Galicia tiña neses caladoiros en 1986.

Outras consecuencias

Ademais, incide Feijóo, o impacto do acordo non se limitará unicamente á perda directa de posibilidades de captura pola súa entrega ao Reino Unido. Tamén afectará, moi probablemente, á disposición de especies peláxicas no Cantábrico así como á marxe de manobra que adoita ter España para a realización de intercambios de cotas que contribúan a mellorar o punto de partida anual das posibilidades de pesca.

Outra das repercusións do acordo que cita o presidente da Xunta na súa carta é o feito de que a partir de 2026 -cando remata o período transitorio que comeza agora- as partes terán que negociar de novo o acceso ás augas de Reino Unido e a Unión Europea carecerá do seu principal elemento de forza ante esa situación, a entrada ao mercado comunitario dos produtos pesqueiros británicos. A isto súmase que a frota galega competirá coa británica en desigualdade de condicións pois os buques do Reino Unido non estarán sometidos á Política Pesqueira Común, moi esixente en termos ambientais.

Feijóo tamén advirte de que o impacto indirecto que España e Galicia sufrirán polo brexit tampouco está recollido de forma explícita nos obxectivos e parámetros de axuda incluídos no Fondo de Axuste do Brexit, polo que calquera impacto posterior tería dificultades para ser compensado con este fondo.

Ante esta incidencia do acordo sobre o brexit na actividade pesqueira, a Xunta está en contacto permanente co sector e vai seguir traballando na defensa dos intereses. Con ese obxectivo, a Consellería do Mar xa encargou dous informes para avaliar o seu impacto tanto desde o punto de vista técnico-administrativo na actividade extractiva e na comercialización dos produtos pesqueiros como desde o punto de vista xurídico.
R.