Skip to main content

A Xunta chegará esta semana a pagar o 70% das solicitudes de axudas á hostalería, a microempresas e aos autónomos

Así mesmo, sinalou que foron rexeitadas o 16% “por non estar ao corrente da Seguridade Social ou por outros requisitos básicos” e o 15% do resto atópanse en prazo de subsanación. “Polo tanto, estamos pagando todas as axudas que se tramitaron de forma correcta”, dixo.

En concreto, o presidente da Xunta lembrou que o sector da hostalería foi obxecto dunha liña específica de apoios, da que xa se pagou o 76%, mentres no eido dos autónomos pagouse o 68% -40% para autónomos da hostalería- e no eido das microempresas pagouse o 62% -26% para microempresas da hostalería-.

“O prazo de presentación de axudas aínda finalizou onte. Nunca unha orde se pagou de forma máis rápida que esta”, subliñou Feijóo, ademais de recordar que se trata de medidas pactadas na mesa do Diálogo Social e do Emprego Autónomo de Galicia.

Ao longo da súa intervención, o presidente da Xunta tamén sinalou que, desde o inicio da pandemia, o Goberno galego activou 374 millóns de euros para financiar as necesidades de liquidez e as axudas directas a determinados sectores da economía galega. “374 millóns para autónomos, familias, particulares e tamén, nalgúns casos, entidades e concellos”, dixo.

Feijóo aseverou que esta batería de actuacións, con cargo ao orzamento da Comunidade Autónoma, chegou a uns 120.000 beneficiarios.

Ademais, resaltou que as actuacións foron levadas a cabo para aliviar as dificultades das empresas e soster o emprego. Deste xeito, máis da metade deses 374 millóns, uns 210 millóns de euros, destináronse a axudas para apoiar as pemes, garantir a seguridade e xerar confianza no consumidor; así como ás axudas á dixitalización e préstamos con xuros baixos.

Por último, Feijóo lembrou que o Goberno galego destinou uns 61 millóns de euros ao ámbito social: axudas para a conciliación dos menores de 12 anos, Tarxeta básica ou o Bono coidado extraordinario para dependentes. “E tamén estamos financiando o 100% do Bono alugueiro social para as 800 familias que o posúen”, detallou.
R.