Skip to main content

O ingreso medio dos fogares galegos medrou un 4,3% en 2019 e acadou os 2.290 euros mensuais

A enquisa do organismo estatístico galego mostra que en 2019 seguiron mellorando as condicións económicas dos fogares galegos. De feito, o número de fogares que chegan con algunha dificultade a final de mes baixou ao 40,71%, a cifra máis baixa de toda a serie histórica. Esta serie comeza no ano 2007, cando o número de fogares con algunha dificultade en Galicia era 26 puntos maior (66,01%).

Esta mellora da situación económica dos fogares galegos é consecuencia da baixada tanto do número de fogares con dificultade que baixa ata o 33,92%, como do descenso de fogares con moita dificultade, que descenden ata o 6,79%. Ambos indicadores tamén acadaron en 2019 o nivel máis baixo de toda a serie histórica, iniciada en 2007. Ademais, o número de fogares que chega con facilidade a fin de mes medra ata o 59,30%.

Composición dos fogares

Os datos anuais do IGE tamén analizan a composición dos fogares galegos, que acadan a cifra de 1.069.094. En 2019, a tipoloxía máis habitual foi a dunha parella con fillos (30,8%), seguida da parella sen fillos (23,1%) e os fogares unipersoais, que supoñen o 22,3% do total. Ademais, o 22,5% dos fogares de Galicia están compostos por persoas de 65 ou máis anos, mentres que no 21,8% viven unha ou varias persoas menores de 16 anos.

A Enquisa Estrutural a Fogares é unha actividade estatística anual dirixida aos fogares galegos co obxecto de obter información sobre as súas características socioeconómicas, e inclúe información detallada sobre as distintas áreas territoriais galegas.
R.