Skip to main content

Galicia pide a parlamentarios españois da Comisión de Pesca da Eurocámara a súa colaboración para coñecer a letra pequena do acordo do Brexit no eido pesqueiro

A titular de Mar expúxolle aos europarlamentarios -Francisco Millán Mon, Gabriel Mato, Izaskun Bilbao, Clara Aguilera e Nicolás González- a estratexia que vai desenvolver a Xunta da man do sector e que terá como base os dous informes encargados sobre a incidencia do acordo, un técnico-administrativo á Fundación MarInnLeg sobre as consecuencias que terá na actividade extractiva e na comercialización dos produtos pesqueiros e outro ao Instituto de Estudos Europeos Salvador de Madariaga da Universidade da Coruña sobre as súas implicacións xurídicas.

Rosa Quintana tamén aproveitou para preguntarlle aos eurodeputados polas impresións coas que saíron onte da presentación que a directora xeral de Asuntos Marítimos e Pesca (DG Mare) da Comisión Europea, Charlina Vitcheva, fixo na Comisión de Pesca do Parlamento Europeo sobre o acordo do brexit.

Neste sentido, a representante do Executivo galego trasladou que, unha vez estean dispoñibles os informes encargados aos expertos, convocará un novo pleno do Consello Galego de Pesca para analizalos e conformar un grupo de traballo no que establecer as prioridades do sector pesqueiro galego neste eido. Ao mesmo tempo, xa solicitou un encontro con Charlina Vitcheva e co presidente da Comisión de Pesca do Parlamento Europeo, Pierre Karleskind, cando os informes estean listos co obxectivo de trasladarlle o impacto que o acordo ten en Galicia.

Estratexia

A folla de ruta deseñada por Galicia para actuar ante o brexit dá resposta a un acordo que a comunidade considera moi negativo tanto a curto como a medio e longo prazo para o sector -que volve a ser empregado como moeda de cambio-, unha lectura que comparten boa parte dos eurodeputados que participaron na xuntanza telemática coa conselleira do Mar.

A titular de Mar lembrou ademais que o Executivo galego aínda non recibiu información oficial nin do acordo nin dos seus termos por parte do Goberno central e incidiu en que as consecuencias negativas do acordo terán efectos tanto na frota que faena en augas de Gran Sol como nos buques do caladoiro Cantábrico-Noroeste.

Ao impacto directo na frota galega súmanse outros aspectos como que os buques británicos non se verán sometidos á Política Pesqueira Común nin a normativas como a obriga de desembarque. Ao mesmo tempo, o Reino Unido non terá que aplicar medidas de redución do esforzo pesqueiro para garantir a sustentabilidade dos recursos e incluso podería incrementar a súa frota posto que contará con máis cotas que en 2020 grazas ao 25% das posibilidades de pesca europeas cedidas polo Executivo comunitario coa finalidade de chegar a un acordo.

Xestións da Xunta

A titular de Mar salientou que o Executivo galego está a traballar desde o primeiro momento, co seu presidente, Alberto Núñez Feijóo, á cabeza na defensa dos intereses de Galicia. Nesta liña lembrou que o xefe do Goberno autonómico remitiu xa o pasado 28 de decembro unha carta ao presidente do Goberno central, Pedro Sánchez, demandando que as negociacións sobre as cotas de pesca que haxa tanto co Reino Unido como no seo da Unión Europea sexan levadas ao máximo nivel e que Galicia estea presente nelas.

Os pasados días 26 e 27 de decembro-inmediatamente despois de coñecerse o acordo entre a Unión Europea e o Reino Unido- a Xunta mantivo xa dúas xuntanzas cos representantes en Galicia da Alianza Pesqueira Europea (EUFA) e coas distintas asociacións de armadores de buques de Gran Sol para analizar o acordo. A elas sumouse a semana pasada a celebración dun Consello Galego de Pesca extraordinario no que o sector coincidiu coa Xunta nas súas impresións sobre o acordo e que apoiou a folla de ruta deseñada pola comunidade para defender os intereses do sector marítimo-pesqueiro diante de todas as instancias.
R.