Skip to main content

A caída do PIB é menor en Galicia que no conxunto de España

O informe, presentado este xoves en Santiago de Compostela, está asinado polos expertos do Foro Económico de Galicia Patricio Sánchez, Francisco Armesto e Santiago Lago, baixo a coordinación do economista e ex presidente da Xunta de Galicia Fernando González Laxe. No documento, indícase en nota de prensa desde a entidade, sinálase que estes descensos do PIB veñen propiciados en Galicia, entre outros aspectos, por unha achega negativa tanto da demanda interna (-5,4 puntos porcentuais) como, en menor medida, da externa (-0,8). O investimento, engaden, tamén presenta unha caída interanual do 9,2 e o gasto das familias mingua un 6,9%.

Os datos

En canto á oferta, os expertos do Foro Económico de Galicia sinalan que “os grandes sectores produtivos presentan en Galicia un mellor comportamento que no conxunto de España, agás o primario”. O maior diferencial entre as taxas de variación interanual, detallan, rexístrase nas actividades profesionais, con caídas do 4,2% en Galicia e do 13,2% en España. Porén, a pesar desta leve mellora da competividade relativa da súa economía con respecto á media estatal, matizan, “Galicia mantén a súa posición intermedia baixa na clasificación de comunidades autónomas”.

No que atinxe ao emprego, desde a entidade xestionada polo Grupo Gen consideran que “o mellor indicador da evolución é o número de horas traballadas”. Novamente, explican, “o axuste do emprego prodúcese en maior medida entre as persoas máis vulnerables: os máis novos, asalariados con contratos temporais, traballadores con xornadas a tempo parcial e persoas con menor nivel educativo”. Asemade, engaden, a poboación ocupada redúcese en maior medida no caso das mulleres. No extremo contrario, os expertos resaltan o incremento de asalariados e asaliariadas con contrato indefinido e os empregados e empregadas do sector público.

Galicia-Norte de Portugal

O documento dedica tamén unha ampla análise comparativa ao comportamento económico de Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Entre outros aspectos, nel saliéntase “a necesidade de favorecer o crecemento do tamaño empresarial xa que na media da Eurorrexión o 62% das empresas non ten empregado ningún”. De cara ao futuro, detallan os expertos do Foro Económico de Galicia, “son as empresas máis grandes as que xeran emprego, implantan dixitalización e impulsan a I+D+i e a competividade do territorio”. Tan só un 3,4% das empresas en Galicia e un 4,8% do norte de Portugal teñen dez ou máis asalariados, afirman.
R.