Skip to main content

Galicia deseña a loxística para vacinar ao resto do persoal sanitario e sociosanitario e a grandes dependentes

Así mesmo, confirmou que practicamente de inmediato, unha vez se cumpran os 21 días previstos entre dose e dose, comezarase coa segunda rolda de vacinación, coa previsión de administrar o vindeiro domingo día 17 a segunda dose na residencia Porta do Camiño de Santiago de Compostela, a mesma na que si iniciou o plan o 27 de decembro. Empezarase ás 08,00 horas coa mesma persoa coa que se iniciou a administración da primeira dose.

O obxectivo, segundo adiantou Feijóo, é completar “en tres semanas, entre finais deste mes e os primeiros días de febreiro”, a vacinación de todas as residencias, exceptuando aquelas nas que está a haber gromos.

Feijóo salientou que está preparado un equipo formado por 2.200 profesionais, dos que polo momento están a vacinar 200 ao non haber doses suficientes, “un dispositivo que está moi lonxe de acadar as posibilidades máximas de dispensación”, dixo. “Agora imos recibir 1.800 doses de Moderna, que se suman ás 18.000 que recibimos cada luns de Pfizer e polo tanto estaremos nunhas 20.000 á semana”, abundou.

A continuación, o presidente do Goberno galego salientou que onte comezou con normalidade a vacinación do segundo grupo prioritario, o persoal sanitario, con algo máis de 6.000 profesionais vacinados. “E hoxe o obxectivo é chegar a outras 7.500, co fin de chegar aos 20.000 esta semana”, avanzou, precisando que se trata de persoal de urxencias, críticos, oncohematoloxía, HADO, unidades covid, diálise, microbioloxía e 061, entre outros.

“Facémolo cun criterio: o 30% do persoal destas áreas e por rigoroso orde alfabético. Pode ser discutible, pero é un criterio obxectivo”, incidiu o presidente da Xunta, engadindo que tamén se está vacinando aos profesionais de Atención Primaria.

Por último, sinalou que as Consellerías de Sanidade e Política Social xa están a estudar os protocolos das seguintes fases da vacinación. “Os profesionais sanitarios dos servizos que non están na primeira liña e o persoal sociosanitario dos centros de día e do Servizo de Atención ao Fogar (SAF) serán a seguinte liña de actuación”, explicou, detallando que esta fase realizarase a partir do 10 ou 12 de febreiro, mentres a seguinte, a dos grandes dependentes, será a partir de principios do mes de marzo.
R.