Skip to main content

A Biblioteca de Galicia organiza un ciclo no que 10 escritores galegos compartirán co público as súas influencias literarias

Celebraranse no auditorio Neira Vilas da Biblioteca de Galicia, na Cidade da Cultura. A primeira xornada será este venres ás 19,00 horas e correrá a cargo da escritora Arantza Portabales, autora de Beleza vermella, que falará, entre outros temas, da pegada que tivo na súa traxectoria persoal e literaria a obra de Manuel Rivas Que me queres amor?.

Os seguintes participantes serán a escritora Ledicia Costas (venres 23 de abril), Domingo Villar (4 de xuño), María Solar (18 de xuño) e María Canosa (2 de xullo). A iniciativa continuará nos meses de setembro e outubro. Todos os relatorios celébranse ás 19,00 horas, contan con entrada de balde previa inscrición na web da Cidade da Cultura e teñen aforo limitado a 27 persoas. Tamén serán transmitidas en directo na canle de Youtube da Cidade da Cultura.

Ampla programación

10 anos, 10 autores, 10 libros enmárcase no programa de actos cos que este ano a Xunta está a conmemorar o décimo aniversario da Biblioteca, que inclúe exposicións temáticas sobre figuras como as escritoras Emilia Pardo Bazán, a partir de novembro, ou a homenaxeada nas Letras Galegas Xela Arias. Entre outras actividades, o Goberno autonómico tamén impulsará unha exposición retrospectiva que permita afondar nos 10 anos de historia da Biblioteca, visitable a partir do mes de outubro.

Trátase dunha mostra para coñecer de preto o labor e o rico patrimonio bibliográfico que atesoura que inclúe o depósito legal de todas as publicacións editadas en Galicia, así como o legado cultural deixado por Isaac Díaz Pardo, obras e gravados de Seoane, a biblioteca de Basilio Losada, obras de Carlos Casares ou a máis completa cartografía de Galicia forman parte dos fondos abertos a toda a cidadanía.
R.