Skip to main content

Ábrese mañá o prazo para solicitar o bono tarxeta turística #QuedamosenGalicia

Poderán presentar a súa solicitude tódalas persoas maiores de idade empadroadas nun concello da comunidade e que non resultaran beneficiarias da primeira edición. Deberán escoller entre tres importes da tarxeta prepago -250, 375 ou 500 euros- da que a Xunta financiará o 60% cunha achega máxima de 300 euros e o solicitante o 40% restante.

Unha vez enviada a solicitude a través da sede electrónica da Xunta (https://sede.xunta.gal), atenderanse por orde de entrada e se se cumpren os requisitos esixidos notificarase aos beneficiarios que realicen o ingreso da parte que lle corresponda do importe da tarxeta elixida para que a entidade bancaria colaboradora poida remitirlle ao seu domicilio a tarxeta coa contía total. O programa estará vixente ata o 15 de decembro deste ano, data tamén de caducidade das tarxetas para empregar en calquera dos servizos ou produtos ofertados dispoñibles na web https://turismo.gal/quedamosengalicia2.

Alfonso Rueda destacou que os datos do ano pasado avalan o éxito deste programa, con case 20.000 beneficiarios, practicamente o 100% dos usuarios previstos. Por iso, tendo en conta que nesta ocasión a convocatoria se abre a toda a cidadanía e que o as empresas poden continuar adheríndose ata finais de ano, confía en acadar un efecto multiplicador e chegar a moita máis xente.

Nesta liña, destacou que o bono tarxeta turística #QuedamosenGalicia é un exemplo do apoio da Xunta ao sector neste Xacobeo co obxectivo de recuperar a confianza dos viaxeiros e fomentar a mensaxe de Galicia como destino seguro mediante medidas como o seguro coronavirus ou con iniciativas coma esta encamiñadas a reactivar o turismo galego, no marco do plan de choque para reforzar o sector turístico.
R.