Skip to main content

A partir do verán poderá atoparse xa no mercado produto amparado co selo de Artesanía Alimentaria de Galicia

Esta iniciativa ten un dobre obxectivo: por un lado, garantir a calidade de toda a produción alimentaria da nosa comunidade con base no cumprimento rigoroso da normativa de aplicación e, por outra parte, potenciar as nosas producións de calidade diferenciada -as que teñen unha maior reputación no mercado-.

Axudas da PAC

Por outra parte, o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, contestou outra pregunta sobre a Política Agrícola Comunitaria (PAC). Neste sentido, afirmou que Galicia e as demais comunidades da Cornixa Cantábrica (Asturias, Cantabria e País Vasco) defenden un período de transición axeitado e con medidas correctoras para facilitar o avance cara a equiparación entre as diferentes rexións da axuda básica á renda.

Trátase, dixo, de reducir as diferenzas na contía das axudas por hectárea entre os territorios PAC, pero tamén con correccións das diferenzas de porcentaxe de superficies con dereitos de axuda. José Balseiros debullou a postura común acadada entre estas catro comunidades cara á negociación da futura PAC en aspectos como as axudas á renda dos agricultores e gandeiros, a definición de agricultor xenuíno, as axudas asociadas ou os ecoesquemas, entre outras medidas previstas

Así, en relación coa figura de agricultor xenuíno, lembrou que se avoga por definila a partir dunha porcentaxe mínima de ingresos agrarios sobre os totais que se propón que sexa igual ou superior ao 30%. Neste sentido, o director xeral amosou a oposición á proposta do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (Mapa) de considerar tamén como agricultores xenuínos ás persoas con axudas directas inferiores a certa cantidade, con independencia da súa porcentaxe de ingresos agrarios.

Sobre as axudas asociadas, Galicia e as outras tres autonomías apostan por mantelas para o vacún, ovino e cabrún, cunha dotación semellante ao período 2014-2020. Con respecto aos ecoesquemas, mantense un rexeitamento aos inicialmente propostos polo Mapa, nos que se abordan principalmente problemas e realidades do centro e sur peninsular.

Couza da pataca

Por último, en resposta a outra pregunta sobre a couza guatemalteca da pataca, José Balseiros defendeu a transparencia e o rigor da Xunta na xestión desta praga. Así, sinalou que o Plan de Acción para a súa erradicación e control é público e pode consultarse na web da Consellería do Medio Rural. Ademais, trasladou que os concellos afectados teñen acceso a toda a información, xa que na comisión de seguimento creada ao efecto está presente a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). En relación coas sancións por incumprimentos nesta materia, o director xeral indicou que entre o 2019 e o 2020 impuxéronse nos concellos afectados un total de 118 multas, por un importe total de algo máis de 65.000 euros.
R.