Skip to main content

Redrum Teatro estrea en Ourense 'Un home con lentes de pasta'

A compañía Redrum Teatro estrea no Teatro Principal de Ourense os vindeiros 7 e 8 de maio a obra Un home con lentes de pasta, que foi beneficiaria o pasado ano das axudas á creación escénica da Xunta de Galicia. A peza, dirixida por Alex Sampayo, con textos de Jordi Casanovas e interpretada por Guillermo Carbajo, Sheyla Fariña, Laura Míguez e Fernando González, foi presentada hoxe no propio espazo que vai acoller as funcións nunha rolda de prensa na que participou o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil.

No acto, no que tamén interviñeron a directora do Teatro Principal, Olga Mojón, o director do espectáculo e Guillermo Carbajo, actor e produtor, Jacobo Sutil referiuse ao triplo apoio da Xunta ao proxecto de Redrum. Por unha banda, a través das subvencións á creación escénica, coas que obtivo máis de 35.000 euros en 2020, así como mediante a liña extraordinaria de impulso ao sector escénico creada o pasado ano para facilitarlles ás compañías a recuperación dos espectáculos interrompidos pola pandemia, ademais da súa programación no marco da Rede Galega de Teatros e Auditorios, da que forma parte desde hai case tres décadas o escenario ourensán.

Na súa intervención, o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade salientou tamén a importancia desta estrea, que tivo que realizar todo o período de preprodución e ensaios “nun contexto de especial dificultade polas restricións sanitarias”. Neste sentido, lanzou unha mensaxe de felicitación a todas as compañías galegas que están sacando adiante novas montaxes.

Aposta segura

Para Jacobo Sutil, hai varios aspectos que fan da peza presentada hoxe “unha aposta segura dunha das compañías do país que se está a consolidar como referente de calidade e continuidade no noso panorama escénico”. Referiuse, en concreto, á escrita de Jordi Casanovas, “un dos autores españois de maior proxección”; a experiencia de Alex Sampayo, “de cumprida traxectoria teatral” e éxitos no audiovisual como a dirección da segunda temporada da serie de produción galega O sabor das margaridas; e “un elenco de primeira orde”.

O equipo artístico inclúe a Davide González na composición do espazo sonoro, a Carlos Álvarez-Ossorio no deseño de iluminación e a María Illobre na caracterización das personaxes.

Un home con lentes de pasta preséntanos a Sheyla, que acaba de ser abandonada pola súa parella. Os seus amigos Laura e Fer buscan animala para que aproveite a oportunidade e cumpra o vello desexo de escribir. Convidaran a cear a Guillerme, un poeta capaz de namorar cuns versos, pero a quen non satisfán as conversas banais nin os frívolos momentos de distensión. O escritor desexa algo máis e vai aproveitar que Sheyla, Laura e Fer son máis fráxiles do que cren e as súas vidas penden dun fío.

Trátase dunha comedia negra que bebe de fontes moi diversas, como do cineasta Woody Allen ou do director teatral Alfredo Sanzol. Estreada en Barcelona en 2010, recibiu o premio da crítica Serra D’or ao mellor texto teatral, o de mellor espectáculo nos premios Time Out 2011, o premio Mi Butaquita de mellor obra no 2014 e estivo nomeada a mellor texto catalán nos Premios Max 2011.

Un home con lentes de pasta estréase agora en Galicia e en galego, cando continúa a estar de plena actualidade por afondar na exploración do ser humano e nas relacións persoais.
R.