Skip to main content

O Tribunal Supremo dá a razón a Galicia na súa reclamación da mensualidade do IVE de 2017

A Xunta actuou sempre coa máxima lealdade institucional e por iso Galicia foi a primeira Comunidade en advertir desta situación en xullo de 2018 e reclamar os 204 millóns de euros correspondentes ás mensualidade do IVE de 2017.

O Executivo galego reclamou de maneira reiterada ao Goberno central que fixese este abono, tal e como acreditan os feitos probados na sentenza. Neste sentido, a Xunta esixiu en varias ocasións unha solución nos Consejos de Política Fiscal y Financiera (CPFF), e reclamouno por carta á Ministra de Hacienda. Ademais, elaborou informes xurídicos que facilitaban unha solución; esixiu coñecer os informes xurídicos nos que o Estado apoiaba a súa posición e aportoulle os seus; mesmo redactou unha proposta normativa para solucionar esta cuestión que foi remitida ao Goberno e que non foi tomada en consideración; e tamén impulsou a aprobación de resolucións no Parlamento de Galicia en apoio a esta reclamación.

Agora a sentenza do Tribunal Supremo acredita que o Goberno central vulnerou o dereito á autonomía financeira da nosa comunidade, que esa actuación orixinou un quebranto económico á facenda autonómica, e que dese xeito se produciu un enriquecemento indebido para a Administración do Estado.

A Xunta exercerá as accións necesarias para que a compensación recoñecida pola sentenza se faga efectiva no prazo máis breve posible.
R.