Skip to main content

A Filmoteca de Galicia acolle catro sesións da carteleira de vangarda da '(S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico'

Para a actual edición presenta unha combinación de proxeccións presenciais e en liña, así como distintas actividades complementarias arredor das tendencias do cinema máis vangardista e experimental.

A primeira das citas programadas na Filmoteca de Galicia terá lugar o 29 de maio ás 18,00 h., cunha conferencia ilustrada con Jean-Claude Rousseau, que enlaza co ciclo A luz reflectida a través das cousas, que este centro xa lle estaba a dedicar ao director francés. O martes 1 de xuño ás 19,00 h, o programa continuará con dous filmes do heterodoxo cineasta, urbanista e arquitecto Juan Sebastián Bollaín, autor da tetraloxía Soñar con Sevilla. A sala José Sellier acollerá os filmes La alameda´78 e C.A.79. Un enigma de futuro, encargas dos colexios de arquitectos de Sevilla e de Cádiz, respectivamente, feitas en 16 mm.

Tamén no marco da (S8), o mércores 3 ás 19,00 h, chegan á Filmoteca de Galicia os traballos de Déborah S. Philips A printed film, Geographie, Santoor e Mosaïc, todos eles filmados en 35mm. A cineasta alemá é unha figura clave para entender a estreita relación entre as belas artes e o cinema. Amplamente influenciada pola pintura e a colaxe, analiza de maneira lúdica temas como o significado da cor nas belas artes e emprende exploracións etnográficas e plásticas ao redor de motivos da arte árabe e hindú.

A programación da mostra na sala José Sellier complétase o 5 de xuño ás 18,30 h. coa figura de José Val de Omar e unha das obras máis brillantes do cinema experimental mundial Tríptico Elemental de España. Trátase dunha obra visionaria filmada nos anos 50 na que percorre o país a través dos seus elementos, auga lume e terra. Acariño galaico (de barro), Fuego en Castilla e Aguaespejo granadino compoñen este traballo en 35 mm de gran riqueza simbólica e poética.

Cinema galego nunha cita cultural referencial

Na súa intervención, Jacobo Sutil destacou a calidade da carteleira que ofrece cada ano a mostra (S8), á que se referiu como unha das “citas culturais referenciais do país” e que “abre desde A Coruña e para toda Galicia unha ampla fiestra de acceso ás tendencias máis vangardistas da produción mundial”. O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade sinalou tamén a capacidade de adaptación do evento ás circunstancias derivadas da covid-19, coa aposta pola fórmula dual de xeito complementario e non de substitución.

Por outra banda, Sutil salientou “o acento galego na programación”, con cineastas como Helena Girón & Samuel Delgado, a quen se lles dedica este ano o apartado Foco Sinais. Tamén as últimas curtametraxes de Alberto Gracia, Sol Mussa, Xacio Baño, Marta Valverde e Eloy Rodríguez Serén conformarán unha carteleira que poderá verse no Palexco.

Ademais de na Filmoteca de Galicia e no Palexco, figuran como sedes nesta edición da mostra o museo Domus e a Fundación Luis Seoane. Xunto aos nomes xa citados, o programa inclúe traballos de James Edmonds, Tomonari Nishikawa, Esperanza Collado e Bruno Delgado Ramo. Dentro da serie de programas en liña Camera Obscura exhibiranse filmes de Pablo Marín, David Domingo, Val de Omar e Juan Sebastián Bollaín.

O festival tamén contará con varios programas temáticos, así como cun espazo dedicado ao ensino académico do cinema experimental e unha ampla oferta formativa para centros de ensino públicos de toda Galicia. Encontros profesionais, o programa de asesoramento de proxectos INPUT e a quinta convocatoria do programa de residencias BAICC completan a diversa actividade para este ano.
R.