Skip to main content

Galicia logrou en 2019 superar os niveis de investimento en I+D previos á crise

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, asistiu esta mañá en Madrid á presentación do Anuario 2021 da Fundación Cotec, un evento que este ano se centrou no labor dos profesionais da innovación que durante os últimos meses puxeron o seu talento ao servicio da loita contra o coronavirus.

No marco do acto déronse a coñecer os datos recollidos polo Observatorio no seu informe anual, do que se desprende que Galicia é unha das oito comunidades españolas que superaron en 2019 os niveis de investimento en I+D previos á crise e unha das nove que conta tamén con máis persoal neste eido en comparación con ese período. No Mapa de talento, Galicia avanza tres posicións ata situarse novena.

A Comunidade progresa, por tanto, no seu obxectivo de avanzar tanto na I+D como na innovación co obxectivo de seguir afondando nun modelo económico baseado no coñecemento, máis resiliente e que promova sectores tecnolóxicos e especializados, axudando á vez, a evolucionar ao conxunto de sectores cara a unha economía máis innovadora. Un compromiso que se reflicte no orzamento deste ano que destina a este tipo de actuacións 227,5 millóns de euros, un 60% máis que en 2009.

A directora estivo no mostrador da empresa galega Bionix coa que Gain asinou un convenio por importe de preto de 140.000 euros para desenvolver un respirador de baixo custo e industrializable en Galicia que atenda as necesidades de ventilación mecánica xurdidas coa crise sanitaria da covid-19. No mes de febreiro o respirador Freesterra de Bionix recibiu a autorización da Axencia Española do Medicamento para o ensaio clínico con humanos polo que é un produto que se atopa preto de conseguir a súa comercialización.

O convenio enmárcase na chamada realizada o pasado ano por Gain para identificar capacidades e outorgar axudas a proxectos innovadores que puideran ser transferibles ao ámbito da saúde e da industria na loita contra o coronavirus a través da que se apoiaron un total de oito iniciativas, entre elas a da coruñesa Bionix.
R.