Skip to main content

O transporte público interurbano será gratuíto para os menores de 21 anos de toda Galicia, coa tarxeta Xente Nova

Deste xeito, os menores de 21 anos poderán viaxar de balde nos autobuses públicos da Xunta, no barco no caso da ría de Vigo, e no ferrocarril de vía estreita de Ferrol.

O procedemento para conseguir estas vantaxes é moi sinxelo: o primeiro paso é adquirir a tarxeta Xente Nova en calquera oficina de Abanca na nosa comunidade, e cargala cun saldo inicial que nun primeiro momento servirá para aboar as viaxes, aínda que posteriormente este saldo será reintegrado ao dispositivo.

Calquera persoa interesada nesta tarxeta pode acceder á web www.bus.gal , onde poderá atopar toda a información relacionada coa mesma: vantaxes que ofrece, servizos de transporte en cada concello (con horarios e rutas) e sucursais bancarias onde se pode obter.

A tarxeta Xente Nova permite aos usuarios un total de 60 viaxes interurbanas gratuítas por mes, e pode ser recargada de distintos xeitos: en caixeiros de Abanca, nas oficinas onde se expide, e telematicamente na plataforma online desta entidade bancaria.

Por último, cabe destacar que o próximo paso que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade pretende dar para dotar de novos servizos a este dispositivo é a integración da posibilidade de levar a tarxeta no teléfono móbil, de xeito que non sexa necesario un caixeiro automático para recargala.

A tarxeta Xente Nova, en cifras

A día de hoxe son máis de 80.500 persoas menores de 21 anos as que dispoñen desta tarxeta, coa que poden viaxar de balde nos autobuses interurbanos da Xunta de Galicia. De feito, ata o momento son máis de 8 millóns de viaxes gratuítas realizadas con este dispositivo, o que supón un investimento autonómico que se achega aos 8 millóns de euros. Desde a súa posta en marcha no ano 2016, foi o pasado ano 2020 o que rexistrou un maior número de dispositivos expedidos, con máis de 21.000.

Por áreas, o reparto en número de tarxetas expedidas é o seguinte: A Coruña é a zona con maior número de usuarios, con case 23.480 tarxetas Xente Nova expedidas. Despois sitúanse Vigo (con case 17.610 tarxetas) e Santiago de Compostela (con preto de 12.350 dispositivos), Ferrol con máis de 9.750, Pontevedra con case 5.480, e Ourense con máis de 2.900 tarxetas Xente Nova expedidas.

Breve historia dunha iniciativa social

A tarxeta Xente Nova naceu no ano 2016 co obxectivo de ofrecer viaxes gratuítas no transporte público da Xunta das áreas de transporte metropolitano aos menores de 19 anos. Era unha iniciativa social para fomentar o transporte público que foi paulatinamente medrando en canto aos servizos ofrecidos, pasando primeiro dos 19 aos 21 anos de idade, e despois, en xuño de 2020, ampliando o seu radio de acción á provincia de Ourense e a trece concellos da área de Pontevedra.

Como parte do Plan de Transporte Público de Galicia, este proxecto do Goberno galego pretende incidir na economía das familias galegas e facilitar o acceso da xente nova aos servizos públicos da nosa comunidade, como a educación (sobre todo a non obrigatoria) ou a sanidade e, en definitiva, fomentar unha mobilidade sustentable.

O impacto destas medidas nas economías familiares galegas é indubidable, dado que afecta especialmente a persoas que realizan viaxes frecuentes para estudar. Como exemplo, unha persoa que estea gastando uns 9 € diarios neste tipo de desprazamentos, como pode ser un estudante que realiza o traxecto entre Verín e Ourense, tería uns custos mensuais duns 200 €, e polo tanto nos nove meses dun curso universitario aforraría uns 1.800 €.

Máis información sobre a tarxeta Xente Nova: www.bus.gal
R.