Skip to main content

Galicia avoga por estender a Estratexia Marítima Atlántica ás rexións británicas na asemblea xeral da Comisión do Arco Atlántico

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, representou hoxe a Galicia na asemblea xeral da Comisión do Arco Atlántico (CAA), que foi inaugurada polo presidente do Goberno vasco, Íñigo Urkullu, como presidente deste foro e na que tamén participou o presidente de Norte de Portugal. Durante a reunión, adoptouse unha declaración política a prol da cohesión socioeconómica e territorial nas rexións atlánticas, que este ano viron as súas economías dobremente afectadas, por mor da pandemia e do Brexit. Neste sentido, a declaración sinala que estas rexións teñen unha gran oportunidade na economía marítima en todas as súas facetas, tales como os portos, a conservación dos mares, os recursos pesqueiros e o turismo sostible.

Máis alá do aspecto marítimo, este foro que reúne rexións de Irlanda, Reino Unido, Francia, Portugal e España continúa a reivindicar a necesidade de que a Estratexia Marítima Atlántica evolucione hacia unha macrorrexión atlántica seguindo o exemplo das xa existentes, como as do Mar Báltico, o Danubio ou os Alpes. Este novo instrumento permitiría reforzar a dimensión política e de cooperación no seno da conca marítima, implicar máis ao nivel rexional e vincular os desafíos marítimos cos ligados ás zonas de interior.

A Comisión do Arco Atlántico invita aos Estados membros a que dean mandato á Comisión Europea para desenvolver esta nova macrorrexión. Na reunión, esta demanda recibiu o apoio da Presidencia portuguesa do Consello, o Parlamento Europeo e do secretario de Estado de Asuntos Europeos do Goberno de España, Juan González Barba.

Durante a súa intervención, o director xeral destacou o traballo que a rexión galega fixo, ao longo dos últimos catro anos, como coordinadora do grupo de traballo Brexit da CAA para transmitir as inquedanzas e demandas das rexións atlánticas a raíz da saída do Reino Unido da UE. Neste sentido, Gamallo avogou pola inclusión do Reino Unido dentro do espazo de actuación da estratexia marítima. Ademais, mostrou a súa confianza en que o Plan de Acción Atlántico 2.0, posto en marcha hai uns meses, dea lugar a proxectos comúns emblemáticos na cunca marítima.

Comisión do Arco Atlántico

A Comisión do Arco Atlántico é unha das seis comisións xeográficas da Conferencia de Rexións Marítimas Periféricas. Con aproximadamente 60 millóns de habitantes, representa o 12% da poboación europea. As rexións atlánticas comparten un litoral atractivo, que garante unha alta calidade de vida e brinda grandes oportunidades a sectores como o transporte marítimo, as enerxías mariñas ou a construción naval. Pero este potencial tamén representa un desafío ambiental, social e económico, ademais de que a súa situación periférica representa un reto en termos de planificación do territorio e desenvolvemento económico. Galicia forma parte deste foro atlántico dende a súa constitución en 1989.
R.