Skip to main content

O ensino galego volverá contar este curso con profesorado extraordinario para atender desdobres pola covid e avanzar en novos programas educativos

Ademais, tal e como explicou o titular de Educación, o Goberno galego analizará –unha vez se peche a matrícula, tras os exames extraordinarios de setembro– a matrícula en ESO, Bacharelato e FP para realizar os desdobres que sexan pertinentes en base á nova distancia marcada polo Goberno central (1,2 metros) e ao incremento de oferta en ciclos formativos. De feito, en Formación Profesional houbo xa en xuño un incremento do 9,5% no número de solicitudes presentadas, o que vai facer preciso incrementar o persoal.

“O sistema educativo galego vai contar con máis profesorado que antes da pandemia, pese que a matrícula en Infantil e Primaria se reduciu en dous cursos en 6.000 alumnos”, explicou Román Rodríguez tras a celebración do Consello Escolar. Ademais do reforzo en etapas como a FP -cun ascenso constante nos últimos anos-, avanzou tamén que se traballa en novos programas educativos que precisarán novos profesionais.

Como explicou, isto permitirá consolidar un sistema educativo líder, que na última década reduciu o abandono escolar á metade (do 25,8% en 2009 ao 12% actual) e colocarse nas primeiras posicións no informe PISA, por encima da medida española e de Europa. Deste xeito, ademais, Galicia continuará sendo –xunto con Estremadura– a comunidade coa mellor ratio alumno/profesor de España (9,2 fronte á media estatal de 11,3).

Éxito da vacinación entre a mocidade

Os conselleiros informaron do bo avance da vacinación na poboación galega entre 12 e 16, de tal forma que Galicia lidera entre as CCAA a vacinación a poboación de 12 a 19 anos, cun 82,4% de primeiras doses, que se sigue ampliando con 6.000 novas citas entre hoxe e mañá. Deste xeito, a previsión é que o alumnado destas idades teña a pauta completa na primeira semana do curso escolar. Neste sentido, o titular do departamento educativo da Xunta reiterou que o Goberno galego trasladou a semana pasada á ministra de Educación que os protocolos e medidas sanitarias se revisen ao longo do curso escolar en base á evolución da vacinación e da situación sanitaria, toda vez que o escenario desde o que se parte este curso é completamente diferente ao de setembro de 2020.

Román Rodríguez incidiu tamén na necesidade de que o 2021/22 sexa un curso de transición, “no que o sistema educativo vai avanzando, sen baixar a garda en ningún momento, cara a normalidade”. “Recuperar espazos como as bibliotecas, que o ano pasado tivemos que sacrificar en moitos casos para converter en aulas que nos permitisen acadar a presencialidade en todas as etapas, e outros pasos cara á recuperación da vida cotiá nos centros van contribuír moi positivamente a superar o impacto que a pandemia deixou na vida escolar dos rapaces”, dixo o conselleiro, engadindo que estes pequenos cambios “van ser moi favorables tamén para o benestar emocional do conxunto da comunidade”.

Rolda de contactos en marcha

A reunión do Consello Escolar de Galicia enmárcase na rolda de contactos que está a realizar a Xunta de Galicia cos axentes implicados no sistema educativo para informalos dos detalles do curso escolar que vai comezar e para o que, tal e como explicou Román Rodríguez, “Galicia xa está preparada”. Ambos conselleiros agradeceron de novo ao conxunto da comunidade educativa “o seu comportamento exemplar ao longo do curso pasado, grazas ao que os colexios e institutos foron lugares seguros fronte á covid”.
R.