Skip to main content

A música en lingua galega chega ao Festival Go!Go!Zo! Xacobeo 21-22 este venres

A Xunta de Galicia impulsa o ciclo Novas Músicas en Galego que se enmarca no Go!Go!Zo! Xacobeo 21-22, o festival que se celebra desde mediados de xullo no Monte do Gozo, en Santiago de Compostela, e que acollerá este venres 3 as actuacións en galego de Mounqup e Saya DJ. Na presentación desta proposta musical participaron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, un integrante da organización do festival, Julio Asorey, e a artista Mounqup.

“O festival do Monte do Gozo é o mellor escenario para inaugurar o ciclo Novas Músicas en Galego”, indicou o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, e engadiu que con esta iniciativa quérese poñer en valor “o talento das persoas que crean en galego. É unha forma de usar a nosa lingua dun xeito lúdico, natural e sen medo a trabucarse. Coma todo, un idioma apréndese a base de utilizalo”.

Artistas participantes

O escenario do Go!Go!Zo! Xacobeo 21-22 ten unha cita este venres ás 22,30 horas coa artista Mounqup. Francesa de nacemento pero galega de adopción, Camille Hèdoin, o seu auténtico nome, caracterízase polos ritmos de música jazz, electrónica e folk. Conta con dous discos ás súas costas e está traballando nun terceiro que verá a luz en breve. Ademais, foi a impulsora da recuperación da aldea de Saumede (Ourense) como punto de convivencia cultural onde cada verán xestiona un festival multidisciplinar.

Tamén subirá ao escenario en dous pases, un ás 21,15 horas e outro ás 23,40 horas, Saya DJ. Situada no panorama musical actual galego como unha DJ multixénero que se nutre das súas raíces- o seu pai é palestino-, as sesións de Saya Mohamed Matar están marcadas polas músicas do mundo, con xéneros como afrobeats, afropop, afrohouse, dabke árabe, funk brasileiro, reggaeton, kuduro etc. A súa traxectoria levouna a participar en eventos como o Mercado da Estrela, Bombo a Negras Ou Tardinhas, entre outros.

Entradas de balde

Para os interesados en asistir, as entradas serán de balde previa reserva por motivos de organización e seguridade a través da web do festival, onde se poderá acceder a toda a información actualizada deste e dos demais acontecementos que teñan lugar. O Go!Go!Zo! é un festival que busca facer do Monte do Gozo o lugar onde gozar dunha alternativa de lecer estival. Sesións de DJ, música en directo e actividades infantís centran a programación que se estende dende o 14 de xullo ata o vindeiro 12 de setembro.

A posta en valor das bandas e artistas de Galicia é unha das grandes apostas deste festival que se incluirá o ciclo presentado hoxe co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, que se centra na música e na creatividade en lingua galega.
R.