Skip to main content

Galicia consegue os mellores niveis de paro en agosto desde hai 14 anos e eleva as afiliacións á Seguridade Social

Nestes momentos Galicia rexistra os mellores niveis de paro desde agosto de 2008, hai catorce anos, cando se contabilizaron 152.437 persoas fronte ás 151.264 do pasado agosto.

Tal e como valorou hoxe a directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado, Galicia continúa resistindo á covid-19: “Levamos desde xaneiro reducindo o paro mes a mes”. “Grazas á vacinación e a resposta eficaz á pandemia que a Xunta deseñou no plano económico, imos avanzando cara a unha recuperación progresiva da actividade, que se reflicte no dinamismo do noso mercado de traballo”. Lembrou que desde 2017 non se rexistrara un descenso mensual do desemprego nun mes de agosto “e esta vez se acadou”.

O desemprego baixou tanto na evolución mensual, respecto de xullo de 2021, como na anual. Fronte a agosto de 2020, baixou nas catro provincias e sete grandes cidades, nas mulleres, nos menores de 30 e maiores de 44 anos e nos principais sectores económicos.

Galicia mantense ademais no pelotón das comunidades autónomas que seguen a xerar afiliacións fronte ao descenso de cotizantes experimentado no conxunto do Estado. De feito, é a terceira con maior alza nas afiliacións en agosto (+0,31%) respecto de xullo de 2021, soamente precedida por Canarias e Baleares. A comunidade mantense por enriba do millón de afiliacións á Seguridade Social (1.039.470).

Evolución interanual

Con respecto a agosto de 2020, o paro baixou un -14,52% (-25.687 persoas), o maior descenso porcentual e absoluto de toda a serie histórica de datos (1996) para o período. É ademais o quinto mes consecutivo de baixada na evolución anual.

A baixada anual do paro en Galicia é, ademais, maior que a reflectida no Estado con unha vantaxe de 2,19 puntos. A comunidade galega é a terceira na que máis baixa o desemprego interanual en termos absolutos. Á caída do paro únese o aumento, respecto a agosto de 2020, da contratación nun 24,58%.

Evolución mensual

En canto á evolución mensual, o paro leva baixando oito meses consecutivos, desde xaneiro, algo que destacou Lado, xa que Galicia é a única comunidade autónoma que experimenta esta caída sucesiva. Con respecto a xullo deste ano, o desemprego descendeu nun -0,44% (-670 persoas). Por primeira vez desde 2017 Galicia consegue reducir o desemprego nun mes de agosto.
A directora xeral de Formación e Colocación resaltou que a Xunta segue a avanzar “con paso firme para dinamizar o mercado de traballo con emprego seguro, de calidade, estable e adaptado as necesidades do tecido produtivo”.

Boa mostra son as axudas por máis de 12 millóns para impulsar o emprego autónomo e apoiar a súa consolidación. Ou os apoios ás entidades da Economía Social, “con máis de 5 millóns de euros destinados á mellora da súa competitividade e a remuda xeracional”. “Vimos de destinar 20 millóns de euros á inserción laboral de 3.500 traballadores con discapacidade en centros especiais de emprego e colaboramos cunhas 200 entidades sen ánimo de lucro para a contratación de 500 persoas desempregadas”, apuntou.

Para Lado, é chave no camiño da recuperación a formación. A Xunta ven de ampliar ata os 34,2 millóns de euros o orzamento dos obradoiros duais para cubrir o 100% das solicitudes. Tamén se acaba de lanzar, tal e como destacou, o primeiro Plan de formación específico para o sector servizos vencellado ao Xacobeo, que formará 4.000 persoas traballadoras para mellorar as súas capacidades e adaptalas á nova era dixital.
R.