Skip to main content

Galicia comparte con expertos internacionais en Portugal o modelo galego de éxito na xestión do pasado curso ante a covid

Isto permitiu sacar adiante o curso grazas a unha serie de decisións urxentes cun único obxectivo “acadar a máxima seguridade nas aulas e que a crise sanitaria non derivase nunha crise educativa”, expresou.

Neste sentido, apuntou como unha das mellores decisións tomadas a de apostar por manter un ensino practicamente ao 100% presencial en todos os niveis educativos, incluíndo a educación obrigatoria, o Bacharelato e case plena tamén na FP, fronte a outros modelos doutras comunidades autónomas ou países como o portugués que se incorporaron á presencialidade máis tarde. “Non foi un proceso doado, pero foi posible habilitando as condicións sociosanitarias necesarias para blindar o entorno académico e grazas ao intenso e extraordinario traballo do conxunto da comunidade educativa”, expresou.

Durante o relatorio recordou medidas implementadas durante o pasado curso académico como a creación dos equipos covid en cada centro galego para a divulgación e posta en marcha dos protocolos no entorno educativo; a creación da ferramenta Educovid, para favorecer o rastrexo de positivos, ou o importante reforzo de recursos humanos e loxísticos. Tamén se referiu a medidas de organización académica para lograr a continuidade da docencia no escenario dixital, a medidas específicas docentes e pedagóxicas de atención educativa así como a posta en marcha de ferramentas como o órgano asesor Comité Educativo, “para manter os piares do noso sistema como son a calidade e equidade”, expresou.

Galicia está preparada

“Sobre o curso pasado, podemos dicir que cumprimos os obxectivos”, reiterou o conselleiro quen salientou, ademais, que os resultados demostran que as aulas foron lugares seguros ao longo do curso 20-21 cun 3,7% de incidencia en educación, por debaixo da media de persoas contaxiadas no conxunto da poboación galega.

Incidiu, igualmente, en que a situación epidemiolóxica nos centros rexistrou unha evolución parella á do conxunto da sociedade constatando que os sistemas de prevención e detección precoz empregados ao longo de todo o curso funcionaron de xeito correcto e as aulas non foron vectores de contaxio.

Este modelo de éxito, dixo, é agora un aval para afrontar o novo curso con garantías coa intención de que “sexa un curso de transición e que o ensino vaia recuperando progresivamente a normalidade en liña co resto da sociedade”, indicou. A este respecto sinalou que Galicia está preparada e os avances na vacinación e a situación sanitaria serán tamén claves para ir revisando as medidas, como así o trasladou á ministra de Educación. Apuntou tamén que o sistema educativo galego disporá este ano de todos os recursos humanos e materiais para garantir a seguridade sanitaria e blindar a calidade.
R.