Skip to main content

Galicia defende en Bruxelas a importancia de previr o abandono da terra para facer fronte ao reto demográfico

A proposta da Comisión consta, fundamentalmente, da creación dun foro de discusión multinivel denominado Pacto Rural e dunha serie de iniciativas (Plan de Acción Rural) que pretenden prestar apoio político á xestión das zonas rurais a través da PAC e da política de cohesión.

Galicia introduciu unha emenda ao borrador de ditame do CdR para resaltar a importancia de recuperar as terras agroforestais infrautilizadas mediante un marco normativo adecuado, financiamento e novos instrumentos de xestión das terras. A Xunta considera clave esta cuestión para facer fronte ao reto demográfico no rural, dado que fixa poboación ao territorio. A achega galega parte da experiencia da Xunta neste eido. Este mesmo ano aprobouse a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, na que se establecen procedementos e instrumentos destinados a mobilizar e recuperar a terra agraria, é dicir, a facilitar o seu acceso aos interesados en pór a terra a producir para usos agrícolas, gandeiros e forestais.

No documento aprobado hoxe, reivindícase o papel da agricultura, a mobilidade, a conectividade dixital e as enerxías renovables para frear o despoboamento e para xerar oportunidades sociais e económicas nas zonas rurais. Pide tamén normas de aplicación máis simples para os fondos europeos nesas zonas e que se complementen mellor entre si os diferentes fondos que chegan a elas.

Ademais deste ditame, os membros de NAT debateron sobre a proposta de nova estratexia forestal europea para 2030, sobre a revisión das axudas estatais á agricultura, ás zonas rurais e á silvicultura, e, en materia sanitaria, sobre a posta en marcha da nova Autoridade Europea de Preparación e Resposta ante Emerxencias Sanitarias (HERA). Por último, celebraron un debate con representantes da Comisión Europea, o Parlamento Europeo e o Consello sobre as perspectivas estratéxicas para o turismo europeo.

Galicia na comisión NAT do Comité Europeo das Rexións

Neste sétimo mandato do CdR que deu comezo a principios de 2020, Galicia participa na comisión de Recursos Naturais (NAT) e na comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX). NAT prepara os ditames de opinión dos municipios e rexións europeas en áreas como a Política Agrícola Común, a pesca, o turismo ou a saúde pública.

O Comité Europeo das Rexións é a asemblea consultiva na que están representados os entes locais e rexionais da Unión Europea. En representación da Comunidade Autónoma de Galicia, o membro titular é o propio presidente da Xunta de Galicia, mentres que o cargo de membro suplente recae no director xeral de Relacións Exteriores e coa UE.
R.