Skip to main content

Volve a a campaña 'O que se enchufa, recíclase' para superar os 5 kg ao ano de aparellos eléctricos que xa recicla cada galego

Ángeles Vázquez salientou que nestas iniciativas está parte do éxito de recollida de 13.661 toneladas no ano 2020, un período que, a pesar de estar marcado pola pandemia sanitaria da covid-19, acadou cifras similares aos anos anteriores, o que pon de manifesto o compromiso da sociedade galega.

Indicou que, grazas a este esforzo, nos últimos tres anos recolléronse máis de 40.000 toneladas de RAEE e incrementouse nun 11% a recollida ao abeiro da colaboración que manteñen a Xunta e os SCRAP.

Cómpre lembrar que pola compra en liña ou en tenda física dun destes aparellos, o usuario ten dereito á recollida do vello —gratuíta no caso das superficies de máis de 400 m2— no momento da entrega para reciclalo e darlle moitas máis vidas. Ademais, tamén se poden depositar nos puntos verdes municipais.

Pola súa banda, o secretario xeral de ADEN, que reúne aos empresarios do sector, lembrou a importancia de manter este tipo de actitudes, pois grazas á recollida de RAEE nas súas superficies evitouse na última década a emisión de 48.000 toneladas de CO2 á atmosfera e se recuperaron 20.000 toneladas de materiais.

Coincidencia co ‘Black Friday’

Así mesmo, Ángeles Vázquez defendeu que aínda hai “marxe de mellora”, polo que na semana actual do Black Friday, un período comercial no que medra considerablemente a venta de aparellos electrónicos e eléctricos, tecnoloxía e dispositivos dixitais, podemos depositar nestes establecementos comerciais os materiais en desuso para que, tras a súa correcta xestión, entren novamente na cadea e se facilite a fabricación dun novo produto.

Todos os presentes apostaron por manter estas campañas de concienciación e formativas, para visualizar o valor destes dispositivos, unha vez que remata a súa vida útil, polo que estar presente nas grandes superficies comerciais é o xeito máis directo e fácil para concienciar aos cidadáns. Ademais, tamén se están a levar a cabo accións enfocadas á mocidade, con mensaxes que se divulgan nas plataformas dixitais de información e música.

A campaña de 2021 artéllase a través dos lemas Aspiro a ter infinitas vidas, O elixir da eterna xuventude... ou case, 7 vidas ten un gato. Paréceme pouco e Superheroes? Eu si que son inmortal, que se visibilizarán nas redes sociais, nos xornais dixitais e en 220.000 dípticos co fin de “darlle moitas máis vidas” a estes produtos.

Por último, o representante dos SCRAP, Rafael Serrano, animou á sociedade a reciclar para “converter esta campaña nun éxito”.
R.