Skip to main content

O Museo do Mar de Galicia acolle ata o domingo o ciclo de concertos 'Mar de mulleres' con catro citas

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentou hoxe o ciclo de concertos Mar de Mulleres, enmarcado nos actos conmemorativos polo 25N-Día internacional contra a violencia de xénero e realizado ao abeiro do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 21-22 da Xunta de Galicia. A través desta iniciativa, artistas galegas, entre as que figuran tanto solistas como bandas emerxentes, presentarán os seus proxectos musicais ata o domingo no Museo do Mar de Galicia.

Valentín García animou os vigueses e a toda a cidadanía galega interesada a acudir a un concerto co que simbolicamente, e a través da voz destas cantantes e músicas galegas, “queremos alzar a nosa propia voz acerca dos dereitos das mulleres e contra a violencia de xénero”. Canda o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade tamén interviñeron nesta presentación, Marta Lucio, directora do museo vigués, e as compoñentes do grupo Leilía, encargadas de abrir o ciclo.

Un programa con nome de muller

Tras a actuación do grupo de música tradicional Leilía será a quenda de Belém Tajes, quen, despois de ser vocalista con Luar na Libre e Vudú, presentará o seu proxecto no museo vigués mañá, ás 20,00 horas. Compartirá escenario con Su Garrido, cantante, música e compositora galega que abrangue diversos xéneros con matices de bossa, folk, jazz ou latin.

O concerto previsto para o sábado 27 será en horario de mañá, ás 12,00 horas, e estará protagonizado por Blues do País, a banda liderada por Bieitta James e que fai versións de clásicos do blues e do soul adaptadas á idiosincrasia e retranca galegas. Xunto a ela actuará o dúo Mallou, liderado por Sabela Bello, co seu novo proxecto no que reinterpreta a tradición da música popular de Galicia.

A viguesa Margarida Mariño, co seu primeiro traballo en solitario, e Mounqup, francesa residente en Galicia que apostou pola música en galego, poranlle o peche ao ciclo o domingo, tamén ao mediodía.

Con esta iniciativa, o Goberno galego busca darlles visibilidade ás artistas emerxentes e á música na lingua propia, ademais de conmemorar, como cada 25 de novembro, o Día internacional contra a violencia de xénero. As entradas para todos os pases serán de balde ata completar a cabida.
R.