Skip to main content

As universidades galegas asinan o convenio de colaboración para a creación do Centro de Investigación das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC)

O CISPAC é resultado dun achegamento entre grupos de investigación de distintas disciplinas das Ciencias Sociais e as Humanidades á procura de entender e dar resposta a retos sociais que abarcan a posta en valor do patrimonio, a recuperación da memoria histórica e social, as políticas de inclusión, o entendemento dos cambios no territorio nas súas dimensións económicas e sociais, as súas formas de goberno ou a elaboración de solucións en co-desenvolvemento coa comunidade. A partir da consideración do territorio como espazo habitado, produtivo, visitado, gobernado e en transformación, o CISPAC encamíñase cara á xeración de coñecemento científico de excelencia a través da conformación dunha masa crítica de investigadoras e investigadores experta nas diferentes dimensións da paisaxe e dunha axenda científica especializada dirixida á consecución dos retos da sociedade.

Como centro interuniversitario, o CISPAC dependerá dos Consellos de Goberno das tres universidades e rexerase por un regulamento interno asinado polos seus representantes. A súa estrutura conta dun órgano de goberno, o Consello reitor, que será presidido de forma rotativa polas Reitorías das tres universidades. Dispón ademais de tres órganos executivos, a Dirección Científica, a Dirección Adxunta e o Comité Científico; e de dous órganos consultivos, o Consello Asesor Científico Externo e o Consello de Transferencia.
R.