Skip to main content

A Cidade das TIC contará cun centro de excelencia internacional en Intelixencia Artificial e drons

O convenio asinado hoxe na Reitoría, que terá unha vixencia inicial de dez anos prorrogables, concreta a cesión da nave número 14 (garaxe) da Cidade das TIC para a instalación deste Centro de Excelencia Internacional, Galaxy-lab, destinado á experimentación con drons no ámbito do transporte de pasaxeiros e mercadorías en zonas urbanas, así como para demostración e proba de produtos para empresas.

A Universidade da Coruña aportará ademais a este proxecto o seu coñecemento e investigación punteira en Intelixencia Artificial, realizada no Centro de Investigación TIC (CITIC), o maior centro de investigación en Intelixencia Artificial de Galicia.

Será por conta de ITG a realización das obras, adquisición de infraestruturas así como o mantemento e conservación do edificio cedido. O Instituto Tecnológico de Galicia asinou a principios deste mes un convenio de colaboración coa Xunta de Galicia mediante o cal o Goberno galego achegará algo máis da metade do investimento previsto para a posta en marcha do proxecto Galaxy-lab, con preto de 580.000 euros dos 1,16 millóns de euros de custe total. Este orzamento permitirá o desenvolvemento dunha rede de seguridade, adquisición de equipamento específico e licenzas necesarias para realizar as probas de experimentación.

O proxecto Galaxy-lab permitirá reforzar a fortaleza competitiva do Polo Aeroespacial de Galicia e avanzar no despregamento do sistema de xestión do tráfico aéreo non tripulado deseñado pola UE, axustar os sistemas de xeoposicionamento e coordinar un espazo aéreo controlado real. Tanto o reitor, Julio Abalde, como o director do ITG, Carlos Calvo, coincidiron en sinalar que este laboratorio forma parte da estratexia da Xunta de Galicia referente aos avións non tripulados.

Cidade das TIC

A UDC está a impulsar a Cidade das TIC como un proxecto estratéxico, onde pretende crear ecosistema TIC dinámico e vangardista que combine múltiples aspectos, espazos, infraestruturas, centros e servizos, impulsando para ese fin un polo tecnolóxico TIC de innovación dixital de referencia a nivel estatal e internacional, que actúe como demostrador de tecnoloxías emerxentes, de apoio ao tecido empresarial pola prestación de servizos tecnolóxicos avanzados non dispoñibles en Galicia, que facilite a instalación de empresas do sector e que sirva como vector de crecemento e dinamización económica grazas á creación de startups, o impulso da I+D+i, o fomento do emprendemento e a atracción de empresas multinacionais.

Instituto Tecnológico de Galicia

ITG é Centro Tecnolóxico Nacional recoñecido oficialmente polo Ministerio de Economía e Competitividade. Ten como obxectivo mellorar a capacidade competitiva das empresas, organizacións e profesionais a través da I+D, a tecnoloxía, a innovación e a prestación de servizos profesionais avanzados. ITG alcanzou as maiores cotas de excelencia recoñecidas polo Estado español no marco da investigación e o desenvolvemento dun ecosistema tecnolóxico que permitirá o despregamento de carácter profesional e social do uso de Sistemas Aéreos Non Tripulados (Unmanned Aircraft Systems, UAS). Así mesmo, ITG constituíuse nun dos axentes relevantes en Europa para a investigación e o desenvolvemento de UAM (Urban Air Mobilty), grazas á súa contribución ao desenvolvemento de estándares internacionais e a obtención de métricas para a aceptación social da UAM.

Cátedra ITG-CITIC en Tecnoloxías de Aeronaves non Tripuladas

O reitor, Julio Abalde, e o director Xeral de ITG, Carlos Calvo, asinaron o pasado mes de xullo o convenio de creación da Cátedra ITG-CITIC en Tecnoloxías de Aeronaves non Tripuladas. Mediante esta Cátedra ITG e o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e Comunicacións (CITIC) colaborarán en proxectos de investigación en tecnoloxías relacionadas coas aeronaves non tripuladas (UAS). Ademais traballarán noutros aspectos como a xeración de prácticas curriculares de alumnado da UDC na empresa.

O profesor Marcos Ortega dirixe esta Cátedra. Ortega é profesor Titular de universidade da área de Ciencia da Computación e Intelixencia Artificial da UDC.
r