Skip to main content

O recorte de cotas de pesca fixado en Bruxelas para 2022 terá un impacto de máis de 16 millóns de euros na economía galega

A representante do Executivo galego explicou que o cálculo fai referencia ao acordo xa pechado para as pesqueiras do Atlántico e do mar do Norte, sen incluír as augas compartidas co Reino Unido. Nestas últimas establecéronse para o primeiro trimestre de 2022 cotas provisorias e proporcionais correspondentes ao TAC existente este ano -o que dá estabilidade á actividade da frota- á espera de que se peche o acordo definitivo entre Bruxelas e o Goberno británico.

Mercedes Rodríguez detallou que a incidencia directa na frota pesqueira galega ascende a preto de sete millóns de euros, o equivalente aos ingresos que deixará de percibir pola primeira venda desas toneladas de captura que se perden. De feito, abundou, Galicia concentra o 63% do impacto das reducións das posibilidades pesca nos caladoiros do Cantábrico Noroeste, entre as que se inclúen o descenso do 8% na pescada de augas ibéricas, a caída do 19% no lirio ou os recortes do 7% na xarda e do 5% no linguado.

En canto ás repercusións desde o punto de vista laboral, a directora xeral sinalou que o acordo de TAC e cotas pon en risco preto de 60 empregos e 2,4 millóns de euros en salarios das tripulacións, que deixarían de ser percibidos polos mariñeiros. De feito, o impacto medio por tripulante como consecuencia dese axuste ascendería a 282 euros na súa remuneración anual, unha contía que habería que engadir aos máis de 1.700 euros perdidos de media coas rebaixas de cotas aplicadas xa neste 2021.

A representante da Consellería do Mar tamén cuantificou a incidencia indirecta do resultado do Consello de Ministros de Pesca da UE sobre os bens e servizos provistos aos barcos, que cifrou nuns 2,8 millóns de euros incluíndo os gastos de abastecemento de combustible, xeo, víveres e servizos de reparación ou administrativos, entre outros.

Balance do acordo

A directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica cualificou os resultados acadados no acordo sobre os TAC e cotas para 2022 de escasos e moi limitados pois na maioría dos casos unicamente se lograron suavizar algunhas propostas iniciais de recortes ou a estabilidade nas cotas doutros recursos complementarios ou accesorios. Dos 17 stocks sobre os que xa se estableceron as posibilidades de pesca -o resto son compartidos co Reino Unido- só soben en catro mentres que se manteñen estables en cinco e baixan en oito.

Neste sentido, Mercedes Rodríguez indicou que o resultado global das cotas pechadas para o Cantábrico Noroeste en 2022 supón un descenso de máis do 3% con respecto a 2021, polo que o Executivo galego considera negativo o acordo acadado. Entre os poucos aspectos positivos a destacar, remarcou, estarían a mellora no caso do xurelo -que pasou dunha proposta inicial de recorte das cotas do 16% a unha suba do 12%- e o menor recorte da pescada en augas ibéricas -do 8%, fronte ao -18% inicial-.

A estas melloras, lembrou a directora xeral, contribuíron os informes elaborados entre a Xunta, a Universidade de Santiago de Compostela (USC) e o sector para facer chegar ás institucións europeas o impacto socioeconómico que terían as propostas de rebaixa das posibilidades de captura en especies como a pescada, o xurelo ou o peixe sapo. Eses estudos foron entregados á delegación española na negociación, integrada polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e o Goberno andaluz en representación das comunidades autónomas.

Aspectos sociais

A representante do Executivo galego lamentou que, tras tantas horas de negociación -foi o Consello de Ministros de Pesca da UE máis longo dos últimos anos-, non se acadasen melloras de maior calado e que a Comisión Europea non fose sensible á situación actual de alerta sanitaria, na que o sector pesqueiro foi declarado esencial e traballou arreo para abastecer de alimentos de calidade á cidadanía malia que nalgunhas ocasións non era rendible. Ademais, desaprobou que na fixación das posibilidades de pesca non haxa un equilibrio entre os aspectos medioambientais, económicos e sociais, como debería ser de acordo coa política pesqueira común (PPC).

Ante esta situación, concluíu Mercedes Rodríguez, Galicia seguirá a traballar da man do sector co obxectivo de que poida manter a súa actividade e demostrar ás autoridades europeas que a pesca ten futuro e que a frota galega a practica de xeito responsable e respectuoso cos recursos. De feito, ese bo facer permitiu que a maioría dos caladoiros nos que faenan os buques galegos se atopen en rendemento máximo sustentable (RMS), o nivel óptimo de capturas que se pode extraer dunha poboación sen afectar ao recurso.
R.