Skip to main content

Galicia reúne no Gaiás a representantes da Biblioteca Nacional de España, do Ministerio de Cultura e de 16 autonomías para analizar o futuro dos centros

A iniciativa, que tamén ten como obxectivo coñecer outras realidades bibliotecarias e mellorar a formación dos profesionais, está aberta a calquera persoa interesada e supón un ambicioso proxecto artellado pola Biblioteca de Galicia con motivo da conmemoración neste 2021 do seu décimo aniversario. Neste sentido, Román Rodríguez salientou o papel que estes centros están a ter para “facer máis accesible” e achegar a cultura ao gran público e en 2022 o Goberno autonómico destinará preto de 3M€ aos museos, bibliotecas e arquivos.

A dixitalización será unha das claves das contas para a cultura en 2022, cunha ampliación de iniciativas como o proxecto Memoria Dixital de Galicia co que a Xunta está a protexer e divulgar o patrimonio documental. Tamén se manterán as liñas de apoio para mellora das coleccións das bibliotecas públicas e da plataforma de préstamo Galicia Le.

Os asistentes á xornada, tanto presencialmente no Auditorio Neira Vilas como os que a seguen en directo a través da canle de YouTube da Cidade da Cultura, achéganse á situación de cada comunidade autónoma no que ten que ver coa organización da xestión de tarefas que habitualmente se lle asignan a unha biblioteca autonómica ou rexional. Así, nos vindeiros días expoñeranse modelos como o doutras comunidades.

A Biblioteca Nacional de España e o Ministerio de Cultura e Deporte achega un complemento a esa visión da xestión autonómica sobre todo no eido da dixitalización ou a xestión de Depósito Legal ou outras como as novas normas de catalogación RDA.

A Biblioteca de Galicia segue a celebrar o seu décimo aniversario

Con esta xornada técnica e coa mostra dedicada a Emilia Pardo Bazán, que será inaugurada proximamente no vestíbulo do edificio da Biblioteca de Galicia, ponse remate a un ano de celebracións por mor do décimo aniversario da institución, que tivo ao longo deste 2021 un programa especial de actividades. De feito, aínda pode visitarse a exposición que fai un percorrido por máis de 70 obras representativas das súas coleccións.
R.