Skip to main content

Cincuenta centros educativos desenvolverán programas de integración das familias na actividade da biblioteca escolar

Un total de 50 centros educativos de toda Galicia desenvolverán programas de integración das familias na actividade da biblioteca escolar ao longo do curso 2021/2022. A Xunta vén de resolver a convocatoria desta nova iniciativa, Lectura e Familias, dotada con 125.000€.

Todos os centros participantes están integrados no Plan de Mellora Bibliotecas Escolares (PLAMBE) e solicitaron participar neste novo programa, cuxo obxectivo é estimular o deseño e desenvolvemento de iniciativas que favorezan a participación das familias en actividades da biblioteca escolar, destinadas ao conxunto da comunidade educativa ou especificamente pensadas para a formación e a participación destas familias en experiencias de lectura e de traballo coa información e medios de comunicación.

Deste xeito, poderán intervir con mellores recursos e eficacia na formación dos seus fillos como lectores e usuarios de información.

Esta acción enmárcase no impulso da participación das familias nas bibliotecas que a Xunta realiza a través do Plan LÍA (Lectura, Información e Aprendizaxe) na que se ten avanzado de xeito significativo nos últimos anos a través de programas como os Clubs de Lectura, Hora de ler ou as Mochilas viaxeiras.
R.